publicidade hoxe

O venres abre o prazo para descargar o Bono Turístico da Xunta e gozar de descontos en estadías en Galicia en outono

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

Este venres 27 de outubro ás 9,00 horas ábrese o prazo de descarga do Bono Turístico da Xunta, co que o Goberno autonómico promove as viaxes en Galicia durante este outono e que prevé mobilizar ata 2,5M€ no sector nestes meses.

Poranse en circulación 10.000 bonos desconto en formato código QR por valor de 100€ cada un cos que se poderá gozar de descontos do 40% en cada compra ata esgotar o saldo do bono. A descarga estará disponible en www.bonoturismo.gal e poden beneficiarse as persoas maiores de idade que residan en Galicia. Unha vez descargado poderá empregarse ata o 25 de decembro nos establecementos adheridos.

Polo de agora, e menos dunha semana despois da apertura do prazo de adhesión para as empresas, xa están adheridos máis de 200 establecementos de aloxamento ou axencias de viaxe. O prazo para que as empresas poidan seguir sumándose á campaña do Bono turístico da Xunta de Galicia permanece aberto ata o 1 de decembro.

Poden participar establecementos turísticos de aloxamento situados en Galicia que cumpran os requistos que se explican nas bases e axencias de viaxes, neste caso que teñan un centro de traballo na Comunidade autónoma de Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia. Deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria.

Baixo o lema #DescubreGaliciaenOutono, o bono, que conta cun orzamento de 1M€ e prevé mobilizar ata 2,5M€ ata decembro nos establecementos adheridos- enmárcase nos obxectivos da Xunta de Galicia por desestacionalizar a actividade turística, apoiar o sector, e promover as viaxes dos galegos en Galicia en temporada baixa.

25 de outubro de 2023 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.