publicidade hoxe

O Consorcio Casco Vello de Vigo entrega catro novas vivendas de promoción autonómica na rúa Real

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, anunciou hoxe a entrega de catro novas vivendas de promoción autonómica a outras tantas familias que resultaron adxudicatarias tras finalizar as obras de rehabilitación do edificio situado no número 13 da rúa Real.

Así, a representante autonómica avanzou que xa están pechados os contratos cos adxudicatarios das vivendas da promoción de Real 13 que permitiu recuperar un dos maiores edificios construídos no barrio histórico vigués. O inmoble, levantado sobre un solar de 116 metros cadrados, conta cunha fronte de fachada cara á rúa de 10,24 metros. Foi adquirido polo CCVV en decembro de 2019 e a súa reforma supuxo un investimento de 605.150,50€.

A delegada destacou que o proxecto de rehabilitación, que inclúe ademais a creación dun local comercial na planta baixa, foi elaborado por Rodríguez e Rivoira Arquitectos e recolle como un dos seus elementos distintivos a conservación na fachada de pedra das grandes ventás que caracterizan ao edificio. Trátase dunha das principais rehabilitacións na zona baixa do Casco Vello de Vigo realizada nos últimos anos, cunha situación excelente ao estar moi próxima a puntos de interese como a praza do Berbés, a Concatedral, A Laxe ou a praza da Constitución.

Catro vivendas e un local

Cada unha das novas residencias ten unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e conta cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos. Na mesma rúa sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público. O edificio tivo que ser baleirado debido ao mal estado de conservación desta centenaria construción.

Reunión presencial

Por outra banda, o Consorcio Casco Vello de Vigo celebrou este xoves de forma presencial no Edificio Redeiras do Berbés a reunión do seu consello de administración e o seu comité executivo.

5 de outubro de 2023 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.