publicidade hoxe

Declarado Proxecto de interese autonómico o novo CHUAC que axilizará trámites para que estea activo canto antes para 550.000 pacientes da área da Coruña e Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor a aprobación hoxe por parte do Consello da Xunta do proxecto de interese autonómico do novo CHUAC, que permitirá axilizar os trámites para que a área sanitaria da A Coruña e Cee poida contar “canto antes” cun novo hospital público que atenderá a 550.000 pacientes.

O mandatario galego incidiu en que esta declaración “facilitará, simplificará e acelerará moito” os trámites necesarios para facer o investimento de máis de 500 millóns de euros no novo CHUAC. Neste senso, lembrou que se trata do “investimento máis importante” e de “máis volume” da Xunta na mellora da rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde co obxecto de “consolidalo como un centro de referencia en España”.

O mandatario galego salientou esta medida, xa que deste xeito complétanse os trámites necesarios para realizar as obras de urbanización, dos accesos ou do espazo onde recolocar as vivendas afectadas.

Ademais, tamén se acordou declarar a urxencia para a tramitación das expropiacións necesarias para a súa materialización, “o que implica un investimento de 17 millóns de euros”, precisou o presidente da Xunta, quen explicou que a aprobación do proxecto de interese autonómico leva implícita a declaración de utilidade pública e interese social e a necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos afectados, con fins de expropiación. Ademais, tamén supón a prevalencia sobre calquera outro uso posible do solo incluído no seu ámbito.

Rueda detallou que o proxecto de interese autonómico do Novo CHUAC recolle actuacións en dous puntos moi concretos: no terreo de Curramontes, onde está situado actualmente o hospital e na zona de Pedralonga, onde se van recolocar as familias expropiadas.

Deste xeito, segundo explicou, en Curramontes vaise renovar e ampliar edificios sanitarios; construír novos accesos e dous aparcadoiros soterrados; e reservar unha parcela para gardería infantil. En canto ao lugar para as familias expropiadas, adiantou que se vai habilitar unha nova zona residencial na que será posible construír 17 vivendas.

O presidente galego aclarou que hai obras que no precisaban desta declaración de Proxecto de Interese Autonómica e nas que a Xunta está avanzando. Así, salientou que xa están licitadas as obras para a demolición do actual Hotel de Doentes, con 1,3 millóns de euros, e para construír a nova Torre Polivalente, por valor de 35 millóns de euros. Confirmou que tamén está licitada a execución da obra dos accesos, por 24,8 millóns de euros. En conxunto, o investimento xa mobilizado supera os 60 millóns de euros.

Comezo de expropiacións en outono

Rueda avanzou que a previsión é adxudicar estes contratos en outono. En concreto, a Torre Polivalente será a primeira edificación do novo CHUAC e que as obras comezarán entre finais deste ano e inicios de 2024.

En outono tamén comezarán as expropiacións para poder realizar as obras que si precisaban desta declaración de Proxecto de interese autonómico. Así, o primeiro será licitar as obras de urbanización do terreo onde logo se poderán recolocar as familias. E, en paralelo, estase a redactar xa o proxecto de execución do novo edificio hospitalario.

Co acordo de hoxe complétase a tramitación do instrumento urbanístico de ordenación do solo preciso para acometer as obras de urbanización e edificación, incluídos os accesos desde as principais vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario situado nas Xubias e o espazo previsto para a recolocación das vivendas afectadas. Xa de modo previo foran resoltas favorablemente as tramitacións ambientais, tanto do proxecto de interese autonómico como do proxecto de vías e accesos.

Atención sanitaria a máis de 550.000 pacientes

O novo Hospital Público da Coruña que está a impulsar a Xunta de Galicia cun investimento de máis de 500 M€ ten como obxectivo ofrecer unha mellor resposta aos problemas de saúde dos cidadáns da Coruña e da súa área, así como unha rápida atención asistencial.

O complexo centrará a atención sanitaria da Coruña durante as vindeiras décadas e abranguerá a área sanitaria da Coruña e Cee, o que significa darlles atención a máis de 550.000 pacientes.

Este proxecto multiplicará por tres a superficie actual do hospital, que pasará dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m² .

Executarase un novo complexo hospitalario, aproveitando e reformando o actual hospital: actuando en 5.865 m² de superficie actual para as conexións cos novos edificios, dotándoo dun aparcadoiro integrado de case 47.000 m² e levantando novas edificacións que suporán máis de 204.000 m² de superficie construída.

5 de outubro de 2023 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.