As lendas do libro infantil “Antón e a Moura do Lameiro de Viana” visitan Rodeiro

Cartel da presentación
A praza situada a carón da rúa Gumersindo Areán, en Rodeiro, acolle este sábado 21 de outubro, ás 12:00 h, a presentación do libro infantil Antón e a Moura do Lameiro de Viana, publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Santiago Gómez Fuentes, Xoán Carlos García Porral e Gabriel Iglesias Sanmartín.
No acto, no que tamén se presenta o Xogo de Antón e a Moura, que se inclúe nesta publicación, os autores estarán acompañados pola presidenta da asociación cultural O Falar das Pedras, Irma López; e pola concelleira de Cultura do Concello de Rodeiro, Xulia Dacal.
Así mesmo, durante a presentación, todas as persoas asistentes poderán coñecer o Xogo de Antón e a Moura, que se inclúe nesta publicación.
II Rodeiría de Outono
Cabe destacar que esta presentación enmárcase dentro das actividades organizadas pola asociación cultural O Falar das Pedras na II Rodeiría de Outono que terá lugar durante toda a xornada deste sábado 21 e que dará comezo cunha camiñata polo patrimonio de Asparelo nunha ruta inspirada polo libro Antón e a Moura do Lameiro de Viana. Tras esta, terá lugar o acto de presentación de dito conto infantil. Continuará a xornada cunha sesión vermú amenizada pola charanga “Os Encerellados” para seguir cun Xantar Interxeracional.
Pola tarde continuarán diversas actividades infantís e un campionato de tute, todo elo coa actuación da charanga de fondo e xa pola noite, concerto de The Tetas’Van, Susiesq’s e dj Marcos Fernández.
O libro
Antón e a Moura do Lameiro de Viana preséntase como un álbum ilustrado a toda cor e en tapa dura, no que os lectores máis cativos descubrirán unha asombrosa lenda que se agocha no río Deza. Di a tradición oral que “nun salto de auga na parroquia de Pazos, ten lugar unha aparición que se fai presente no amencer do san Xoán… No medio da escura noite pode albiscarse no interior do cadoiro unha grade e un arado de ouro!”.
Coa adaptación desta lenda nun formato de conto infantil trátase de achegar aos máis cativos unha das tantas historias da tradición oral que, nos tempos nos que a lectura era un luxo para poucos, só as narracións contadas permitían transmitir ensinanzas con moita retranca e simbolismo converténdose en parte da nosa propia cultura.
Nese afán por protexer e transmitir o noso ás xeracións vindeiras, nace este conto no que, cunha simboloxía chea de aprendizaxe, os encantamentos e a avaricia se erguen como un protagonista máis.
Cabe destacar que as últimas páxinas inclúen un apartado didáctico con explicacións e actividades para que os máis pequenos comproben o aprendido sobre os mouros e o porqué é tan importante manter vivas as lendas ancestrais.
Código QR
A maior novidade desta obra está na súa adaptación aos tempos actuais nos que as pantallas de móbil ou ordenador son un máis na vida dos máis cativos, polo que se inclúe un código QR con acceso a un xogo dixital no que aprender máis sobre esta lenda e no que axudarán a Antón na súa aventura.
Colaboraron na publicación do libro
A publicación do libro Antón e a Moura do Lameiro de Viana, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Concello de Silleda e do Concello de Lalín.