A Xunta lamenta a “parálise” na que o goberno central deixa a Galicia co recurso contra a lei do litoral e censura as diferencias de trato entre comunidades
A Xunta lamentou hoxe a situación de “parálise” na que deixa o Goberno central a Galicia coa interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral galega.
En resposta a unha pregunta no pleno do Parlamento sobre a decisión estatal de recorrer a norma, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, censurou a actitude do Executivo central desde o inicio da tramitación desta lei, incidindo nas diferencias de trato demostradas con respecto a outras comunidades e que, na súa opinión, Galicia “non merece”.
Na mesma liña, a vicepresidenta explicou que o recurso suporá “un grave prexuízo” para as actividades que se desenvolven na costa galega e, por conseguinte, para os municipios litorais, as asociacións e as empresas vencelladas á mesma.
A modo de exemplo, referiuse ao feito de que, unha vez recorrida a norma, quedan paralizadas todas as solicitudes recibidas desde a súa aprobación por parte de concellos que queren poñer en marcha servizos no dominio público marítimo-terrestre (DPMT).
Ante este novo revés, a Xunta vén de iniciar unha rolda de contactos cos principais sectores prexudicados, tanto públicos como privados, para coñecer a súa opinión e analizar as consecuencias do recurso, que, segundo explicou, impide na práctica desenvolver servizos básicos nos núcleos do litoral e frea novos proxectos por parte da cadea mar-industria.
De feito, a vicepresidenta asegurou que este sector, clave para Galicia, é un dos máis afectados pola decisión estatal de recorrer a lei xa que, recordou, “desde 2018 non se deu ningunha nova concesión” na Comunidade e o único que concedeu o Goberno central nestes últimos anos “foron prórrogas debidas” de instalacións xa localizadas en DPMT anteriores a 1988 e que, polo tanto, “non quedaba outra máis que outorgalas”.
Por todo o exposto, Ángeles Vázquez contrapuxo a forma de entender o litoral que aplica o Estado en todo o país, avogando por eliminar calquera “vestixio humano” da franxa costeira, coa xestión integrada que quere facer a Xunta e que inspirou precisamente a Lei do litoral galega, unha norma, lembrou, avalada pola “experiencia” dos xuristas do Observatorio do litoral que colaboraron na redacción, polo informe do Consello Consultivo e polas competencias exclusivas que lle atribúe a Galicia o Estatuto.