publicidade hoxe

A partir de xaneiro as persoas maiores de 65 anos poderán viaxar de balde no transporte público da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que, a partir do vindeiro 1 de xaneiro, todos os maiores de 65 anos poderán viaxar de balde no transporte público da Xunta. Trátase dunha medida da que se beneficiarán máis de 50.000 persoas.

O mandatario galego adiantou esta medida no Pleno do Parlamento de Galicia, onde apuntou que esta iniciativa se suma a outras do Goberno galego de apoio a este colectivo, recollidas no Orzamento de 2024. En concreto, referiuse ao Carné +65, semellante ao Carné Xove, e que permitirá a este colectivo desfrutar de descontos en servizos, establecementos ou ocio.

Rueda defendeu que este tipo de iniciativas reflicten que os Orzamentos do vindeiro ano procuran a “utilidade” e “solucionar os problemas da xente” e, neste caso en concreto, para demostrar que o Goberno galego “segue a apoiar as persoas maiores”. “Isto é o que a xente nos pide”, argumentou.

O presidente da Xunta incidiu no carácter histórico dos Orzamentos de 2024 con 13.257 millóns de euros e puxo en valor que blindan os servizos sociais, á vez que contribúen a que Galicia “siga medrando” e “vaia cara a adiante”. “Galicia con este Goberno si que funciona”, aseverou.

O obxectivo desta nova medida do Goberno galego é ampliar a este colectivo a gratuidade que xa se aplica aos menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova e da que xa se benefician preto de 160.000 mozos galegos. Ademais, busca impulsar a mobilidade sustentable na comunidade e facilitar os traslados ás persoas maiores, especialmente no rural, que moitas veces dependen do transporte público para acudir ao centro de saúde, facer algún trámite ou desprazarse a unha actividade de lecer.

25 de outubro de 2023 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.