Rivo compromete políticas de apoio ás vítimas e para a educación das persoas mozas co obxectivo de erradicar a violencia de xénero na comunidade
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta “non parará ata erradicar a violencia de xénero” e seguirá a facelo “con políticas de apoio ás vítimas e para a educación e concienciación”.
Na resposta a unha pregunta oral sobre medidas impulsadas na comunidade para combater a violencia de xénero, Rivo reivindicou o compromiso que o Goberno autonómico mantén coas vítimas. “Estamos a brindarlles todos os recursos necesarios para garantirlles un futuro con liberdade, tanto no eido persoal como no familiar, no social e no laboral”, aseverou.
A conselleira tivo un recordo para as dúas mulleres asasinadas este ano por mor da violencia de xénero en Galicia. Insistiu en que para o Goberno galego a única cifra asumible de vítimas é cero, polo que a Xunta, dixo, está a redobrar este ano esforzos e conta cun orzamento de 20,5M€ (un 14% máis que en 2022).
“Estamos a manter, reforzar e ampliar os recursos, servizos e prestacións para as vítimas”, indicou Rivo, quen lembrou que a Xunta concede axudas económicas de carácter periódico (800 euros ao mes) para que as mulleres poidan gañar independencia económica dos seus agresores, sendo pioneira na posta en marcha deste recurso.
A comunidade galega, por outra banda, conta con sete recursos de acollemento que garanten a seguridade das mulleres que corren perigo: vivendas tuteladas, centros de acollemento e emerxencia. “Son elementos esenciais na transición a iniciar unha vida autónoma lonxe da violencia”, aseverou a titular de Promoción do Emprego e Igualdade.
Educación e sensibilización
Rivo aludiu á educación como vía para previr e sensibilizar á sociedade contra a violencia de xénero. Tamén defendeu “profesionais que poidan prestar unha mellor atención ás mulleres e á mocidade para que poidan seguir modelos axeitados”.
A conselleira indicou que Galicia está a reforzar, por outra banda, o traballo dos 84 centros de información á muller, “un recurso esencial de carácter municipal que apoiamos para seguir coa atención integral e de proximidade dunhas 9.500 mulleres cada ano”.
A Comunidade conta cun marco lexislativo, referente no Estado, e está a tramitar ante a Cámara galega unha nova Lei de Igualdade, que segundo mencionou a conselleira, será “adaptada aos novos tempos, violencias e realidades que, unha vez máis, converterá a Galicia en referente nesta loita”.
A conselleira destacou, por último, que o Goberno galego está a ultimar o Protocolo de seguridade contra as agresións sexuais no lecer nocturno , que “dará prioridade ás vítimas e incidirá na confidencialidade e na sensibilización”.