publicidade hoxe

Preto de 160 deportistas de 13 disciplinas mellorarán o seu rendemento no Centro Galego de Tecnificación deportiva co apoio da Xunta

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da concesión de prazas da tempada 2023-24 no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), que beneficia 157 deportistas de 13 disciplinas. Deste total, 96 son do grupo de tecnificación, con 82 residentes e 14 externos, e 61 do de rendemento, con 12 residentes e 49 externos.

O reparto por disciplinas no caso da tecnificación é de catro prazas para atletismo, sete para bádminton, oito para judo, nove para loita, sete para natación, sete para natación artística, 23 para piragüismo en augas tranquilas, cinco para piragüismo slálom, catro para remo, oito para taekwondo, oito para tríatlon, tres para vela e tres para ximnasia.

Canto ao rendemento, outórganse dúas prazas para atletismo, catro para bádminton, tres para judo, nove para loita, tres para natación, 25 para piragüismo, dúas para remo, seis para taekwondo, unha para tríatlon e seis para ximnasia.

Cómpre destacar asemade que se contabilizan a maiores 20 prazas destinadas aos compoñentes dos equipos nacionais de piragüismo de kaiak feminino e canoa masculina, que desde 2021 preparan o camiño olímpico cara a París 2024 en Galicia.

Centro de referencia no deporte

Situado en Pontevedra, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva naceu na tempada 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia a nivel deportivo en Galicia, na busca da excelencia competitiva a través da formación integral. En 2007 e 2010 incorporáronse respectivamente á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, ampliando a oferta de seccións deportivas.

Un total de 22 deportistas olímpicos e dous paralímpicos pasaron polas instalacións do CGTD, cunha colleita total de 11 medallas dende Sídney 2000. A maiores, numerosos atletas que cada ano participan en campionatos europeos e mundiais seguen a pasar polo centro, ao que a Xunta destina cada ano máis de tres millóns de euros en mantemento.

14 de setembro de 2023 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.