O Sergas realiza 208 intervencións de cirurxía robotizada a pacientes con problemas de próstata
Con motivo da celebración mañá do Día Europeo da Saúde Prostática, que se leva a cabo co obxectivo de concienciar aos homes de que visitar ao urólogo de maneira regular é a mellor fórmula para previr as posibles enfermidades asociadas á súa próstata, o Servizo Galego de Saúde sinala que a mortalidade por cancro de próstata segue a ocupar o segundo posto en homes. Dende o pasado ano, o departamento sanitario galego conta cunha Estratexia de xestión do cancro en Galicia propia para os anos 2022-2028. Entre os obxectivos está mellorar a accesibilidade dos pacientes con cáncer de próstata, cunha asistencia rápida e adecuada.
Sinalar que, durante 2022, realizáronse no Sergas 238.988 analíticas para valorar o Antíxeno Prostático Específico (PSA), 7.205 biopsias prostáticas e 3.011 RM prostáticas. Os pacientes con sospeita de cancro de próstata foron atendidos de forma prioritaria nas 2.948 consultas de vía rápida do ano 2022. O tempo medio de espera nestas consultas foi de 8 días. Os pacientes co diagnóstico de hiperplasia benigna de próstata (HBP) que requiriron intervención cirúrxica foron 1.360, e aqueles que tiveron cancro de próstata realizáronselles unhas 1.153 cirurxías.
Xunto ao anterior, o Sergas realizou 208 intervencións de cirurxía robotizada (Da Vinci) a pacientes con problemas de próstata desde o 2021 ata setembro de 2023, (inicio en Galicia desta cirurxía robotizada en xullo de 2021) .