publicidade hoxe

O decreto que facilita a conversión de baixos comerciais sen uso en vivendas entrará en vigor o 15 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A modificación das normas de habitabilidade de Galicia que, entre outras novidades, facilitará que baixos comerciais e entrecháns en zonas urbanas que estean abandonados ou sen actividade poidan cambiar de uso e reconverterse en vivendas entrará en vigor o vindeiro 15 de outubro.

Así consta no decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 7 de setembro e que ten unha dobre finalidade. Por unha banda, ofrecer solucións efectivas a problemas derivados dos cambios socioeconómicos e estruturais que sufriu a sociedade galega nos últimos anos e, por outra, adecuar certos aspectos da normativa de habitabilidade vixente en Galicia, co fin de simplificar a súa aplicación e eliminar redundancias co resto da lexislación sectorial.

Cómpre lembrar que as normas de habitabilidade regulan as condicións que deben cumprir as vivendas que se constrúan ou se rehabiliten en Galicia para garantir que son lugares axeitados para poder vivir nelas.

Co fin de contrarrestar o abandono de locais comerciais detectado sobre todo nalgunhas zonas das cidades, coa súa conseguinte degradación, e reforzar á vez a oferta residencial en certas contornas urbanas, o cambio máis relevante introducido con este decreto busca favorecer ou facilitar a reconversión de baixos desocupados en vivendas cando se dean determinado tipo de circunstancias.

Permitirase así aos concellos facer excepcións e simplificar as esixencias necesarias para garantir a intimidade dos residentes en ámbitos concretos, sempre que estea debidamente xustificado por razóns urbanísticas ou de protección patrimonial da zona.

Neste sentido, cómpre indicar que aínda que xa existía a posibilidade de transformar baixos comerciais para destinalos a un uso residencial, na práctica esta adaptación quedaba impedida moitas veces polo feito de que a normativa de habitabilidade esixe que se cumpran unha serie de condicións bastante estritas para garantir a protección das vistas das vivendas desde o exterior.

Coas modificacións introducidas nas normas de habitabilidade aprobadas en 2010, mantense con carácter xeral a esixencia de protección de vistas nas vivendas resultantes da reconversión de locais comerciais en planta baixa, pero serán os concellos os que poderán delimitar certos ámbitos dentro dos seus municipios nos que se exima do cumprimento destes requisitos, ou ben se maticen para que resulten máis fáciles de cumprir, mediante a tramitación dun anexo de habitabilidade.

Na práctica, isto permitirá, por exemplo, que baixos cunha altura de 2,5 metros poidan transformarse en vivendas cando antes se requiría un mínimo de 3,2 metros.

O obxectivo común destes cambios é facilitar que locais comerciais en planta baixa, unha vez quedan baleiros e sen expectativas de recuperación do seu uso orixinal, poidan transformarse en vivendas. Deste xeito, ademais, contribúese a reforzar a oferta residencial en contornas urbanas, que adoitan concentrar a maior demanda, derivando previsiblemente en alugueiros con prezos máis baixos.

Así mesmo, no decreto tamén se flexibilizan as condicións que debe cumprir unha vivenda para ser considerada exterior. En concreto, facilítase a delimitación dos tipos de espazos exteriores aos que se deben abrir as vivendas para ter tal consideración, ao permitir aos concellos definir cales son estas zonas (rúas, prazas, patios…) e incluso outras novas sen necesidade de acometer unha modificación do seu planeamento urbanístico, co aforro de tempo e recursos que isto implica.

Ademais, no caso concreto de vivendas localizadas en cascos históricos, antes esixíase que 2 das habitacións principais (salón e dormitorios) tivesen saída ao exterior pero a partir de outubro a segunda estancia exterior poderá ser tamén a cociña. Ademais, o diámetro mínimo establecido para que os patios de mazá computen como zonas exteriores de calidade redúcese de 0,7 metros a 0,5 metros.

Por último, a modificación elimina tamén aspectos que poden ser redundantes co resto da lexislación sectorial vixente debido aos anos transcorridos desde a súa aprobación, ao tempo que clarifica e corrixe cuestións funcionais que afectan á habitabilidade dos domicilios co fin de adaptalas ás circunstancias actuais do mercado ou para que sexan máis operativas, como poden ser, por exemplo, a disposición dos elementos nos baños e aseos das vivendas ou certas determinacións relativas a tendais e lavadoiros, como desde que estancias se pode acceder a eles.

15 de setembro de 2023 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.