Clara Martín, coa obra Loucine, convértese na gañadora da oitava edición do Concurso Balbino de Relatos

Xurado do Concurso Balbino de Relatos, xunto a colaboradores, dando a coñecer a obra gañadora
“Gran caracterización de personaxes”, así describiu o xurado do VIII Concurso Balbino de Relatos a obra Loucine, da autoría de María Cristalina López Rodríguez coñecida literariamente como Clara Martín e natural do Concello de Verín, que se alzou como gañadora desta oitava edición.
O fallo foi determinado por maioría dun xurado composto por reputados profesionais do sector e que incluía a Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario).
O xurado determinou outorgar o galardón á obra Loucine, presentada baixo o lema Matilda Wormwood, polo “gran traballo na caracterización dos personaxes nunha historia que atrapa pola intriga e que é quen de reflectir, con notable habelencia, unha sinfonía de soidades na que todos os seres deste relato atopan o seu lugar no mundo”.
Os membros do xurado tamén quixeron destacar a calidade da preto dunha trintena de orixinais presentados entre os que se incluían tanto novelas como relatos marcados por unha clara defensa do rural e protección da cultura galega.
Publicación
Recordamos que a gañadora deste certame literario resulta premiada coa publicación da obra por Edicións Fervenza, así como a recepción dun premio económico por valor de 1.500 euros.
Comeza agora o proceso para dar forma á obra, coa previsión de que sexa presentada en próximas datas nun acto no que tamén se fará entrega do premio á gañadora.
Concurso
Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.
De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 200.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista.
Colaboracións
O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Biografía autora
María Cristalina López Rodríguez “Clara Martín” (Verín, 9/8/1968) é unha escritora en lingua galega e castelá. Foi galardoada con distintos premios literarios: primeiro premio de narrativa da Romaría Etnográfica Raigame 2004 (Celanova-Ourense) co relato “ Ficarei en Lisboa”, primeiro premio no IV Certame de Relato Curto en galego convocado polo Concello de Mugardos-2006 (A Coruña) co relato “Verde herba verde” e primeiro premio no Certame de “Auga y Vida” de relato curto-2011 concedido por El Corte Inglés-Galicia con “Amara”. Segundo premio no Airiños do Xunco-2005 (Lugo) e tamén no XIV Certame Literario de Piñor-2005 (Ourense) coas obras “Á sombra dá estatua” e “O bico de Xudas”.
Tamén foi finalista en certames internacionais e nacionais como o Certame de Relato curto Ábaco-2006 coa obra “Pienso palabras” e no VI Certame “Carmen Martín Gaite” de Relato Breve convocado pola Agrupación Casa da Cultura de Cerceda (Madrid)-2006 co relato “Las manos del alma”. Mención honorífica no I Certame “Dora Vázquez” de Arteixo (A Coruña) no ano 2003 co relato curto “Os paraísos de Eva” e Accésit no Certame “Manuel Oreste” convocado polo Concello de Paradela (Lugo) co poemario “Sogas” no ano 2008.
Colaborou en libros colectivos como Sempre mar do Colectivo Burla Negra-2003 da Plataforma Nunca Máis e no libro coordinado por Antonino Nieto Imposible no comerse (en el volcán de los amores canallas) de Lastura Ediciones. Así mesmo, ten distintas publicacións en páxinas web e no seu blogue persoal “Bicos con lingua”. En prensa publicou, entre outros, o relato “Tortellini rock” no apartado de Relatos de Verán de La Voz de Galicia no ano 2007.
No ámbito teatral exerceu como dramaturga para a compañía Sete lobos coa obra Os pecados do lobo representada no Auditorio de Ourense no ano 2006.
Tamén escribiu No esconderás un cadáver en el armario para a compañía madrileña Estamos en ello, representada en salas de Madrid e Ourense. Outra das súas obras, representada na sala La Escalera de Jacob en Madrid foi Olvidé decirte adiós… así que adiós sendo traducida ao galego co título Esquecín dicirche adeus… así que adeus e publicada por Edicións Fervenza. Outras obras no seu haber son Estado de Alarma, caixa de autor formada por contos e con ilustracións fotográficas de Plácido L. Rodríguez; e De maza e canela, contos con sabor e cor, libro de contos escritos a partir de receitas da reposteira Teresa Fenollosa e coas ilustracións da artista Isabel Pintado.
Amais da escritura, destaca o seu traballo como colaxista, en concreto co colaxe analóxico ou manual centrando a súa obra na categoría de “femmage”, estilo que utiliza materiais, obxectos e técnicas artesanais identificadas culturalmente coa muller. Mostra desta disciplica atópanse no libro Uterus siue uolua (Edicións Fervenza), con poemas de Xulio Pardo de Neyra e ilustrado con colaxes de Clara Martín.