A Xunta remata a parcelaria de Santo Estevo de Pol tras reorganizar unha superficie de case 355 hectáreas
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santo Estevo de Pol, neste concello lugués. Este proceso de reestruturación da propiedade abrangueu unha superficie de 354,86 hectáreas, pertencentes a 89 veciños.
Neste acto, a directora destacou que, grazas a este traballo, pasouse de 511 predios a 151 parcelas finais. Desta forma, a superficie media das parcelas triplicouse, ao pasar de 6.944 a 23.500 metros cadrados. O investimento total neste proceso de reestruturación superou o medio millón de euros, contabilizando tanto os diferentes trámites técnicos e administrativos como as obras da rede camiños.
Así, sinalou Inés Santé, as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Por iso, apuntou, as novas concentracións teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Neste senso, sinalou que a Xunta seguirá entregando títulos noutras áreas de Galicia e decretaranse novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias.
De feito, desde o ano 2020, salientou a directora xeral, a Xunta rematou un total de 28 concentracións parcelarias -contando a de hoxe-, que abarcaron unha superficie total de 19.078 hectáreas, beneficiando máis de 13.300 propietarios que recibiron máis de 29.400 títulos de propiedade.
Nesta liña, Inés Santé reiterou a aposta da Xunta polas parcelarias, que definiu como unha “ferramenta fundamental para paliar o minifundismo” e recordou que dende o ano 2021 se decretaron 29 novas parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 23.814 hectáreas e 111.567 parcelas de 16.309 titulares.
Lei de recuperación
Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu a directora xeral, seguirán impulsándose tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.
Precisamente, destacou Santé, nos algo máis de dous anos de vixencia desta norma estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas en toda Galicia, entre os 24 polígonos agroforestais en distintas fases, as 21 aldeas modelo declaradas e diversas permutas agrarias. Ademais, desde 2020, mobilizáronse 35.000 hectáreas mediante estas figuras, incluíndo as mobilizadas nas concentracións parcelarias.