publicidade hoxe

A Xunta asina o contrato para a prolongación da autovía Santiago-A Estrada entre A Ramallosa e Pontevea, que comezará en outubro

Ethel Vázquez no acto da sinatura entre a Xunta e a UTE

Ethel Vázquez no acto da sinatura entre a Xunta e a UTE

A Xunta asinou hoxe o contrato das obras do primeiro treito da prolongación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59), entre A Ramallosa e a estrada AC-241, en Pontevea, que comezarán a executarse en outubro.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu hoxe en Santiago o acto da sinatura entre a Xunta e a UTE adxudicataria, formada por Vías y Construcciones S.A.- Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L (Marconsa). Neste acto participaron, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o alcalde da Estrada, José López Campos, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo.

As obras foron adxudicadas por un importe de máis de 27,2 M€ e contan cun prazo de execución de 20 meses.

Trátase da sinatura do contrato que vai permitir habilitar 3,5 novos quilómetros de prolongación da AG-59 entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo, para darlle continuidade ao treito da autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo.

A actuación construirase de xeito paralelo á estrada AC-841 e contará con 4 carrís de 4 x 3,50 metros e mediana de 1 x 2 metros, beiravías exteriores e interiores, e bermas exteriores.

A intervención obxecto destas obras prevé a execución de dous enlaces: adecuándose o xa existente na Ramallosa coa estrada AC-841, e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, ao final do treito e rematando nunha glorieta de 20 metros de radio sobre a propia estrada autonómica. Os enlaces están proxectados como semienlaces, pero preparados para poder completalos para permitir todos os movementos.

Tamén se incluirán 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía de 150 m de lonxitude, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores (un en cada enlace). Ademais prevense ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo.

A Xunta, de xeito paralelo, continúa a avanzar no proxecto de construción das obras da segunda fase de prolongación da autovía, que serán 4 km máis entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada.

O segundo treito proxectado, cun investimento estimado de 34 M€, unirá o enlace da AC-241, en Pontevea, coa PO-841, chegando ata O Rollo, xa no concello da Estrada, tamén de xeito paralelo á estrada autonómica.

O obxectivo do Goberno galego con estas actuacións é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos os tempos de viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia.

A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.

 

15 de setembro de 2023 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.