publicidade hoxe

A Xunta aprobou o 85 % das solicitudes de axuda polo paro temporal da actividade marisqueira nos bancos da Ría de Arousa por un importe de preto de 1,6 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento que a Xunta xa resolveu as axudas compensatorias para os afectados pola paralización temporal da actividade entre o 1 de febreiro e o 30 de abril nos principais bancos marisqueiros da ría de Arousa -Lombos do Ulla, Bohído e Cabío- coa aprobación de máis do 85% das solicitudes recibidas.

O representante da Consellería do Mar detallou que a tramitación das achegas se completou o pasado 25 de agosto -agora estase coas xestións para realizar o pagamento- e que se aceptaron 278 dos 325 expedientes analizados por un importe total de preto de 1,6 millóns de euros.

O director xeral salientou que o Executivo galego tramitou as axudas coa máxima celeridade posible e que logrou resolvelas en tres meses -fronte ao máximo de catro meses que establece a normativa- malia que para pechar os expedientes dependía de informes de organismos dependentes da Administración Xeral do Estado. De non ter que esperar por eses documentos, dixo, poderían terse resolto en dous meses, un período moi curto en plena tempada estival e tendo en conta que hai determinados prazos que establece a normativa que se deben cumprir escrupulosamente, o que dilata o proceso.

Antonio Basanta aclarou ademais que a convocatoria dos apoios se fixo unha vez finalizada a parada -o 2 de maio- pois os interesados tiñan que acreditar na súa solicitude que estiveran inactivos durante eses tres meses, cuestión imposible de xustificar se aínda non concluíu o período establecido de paro biolóxico. Ademais, a Xunta estivo en contacto permanente cos representantes do sector tanto no deseño das achegas como na súa tramitación aportando aos potenciais beneficiarios toda a información necesaria para saber como se ía desenvolver o procedemento.

Precisamente, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, respondeu unha pregunta sobre as medidas adoptadas polo Goberno autonómico para mellorar a produción das rías galegas na que salientou que a súa evolución é cíclica e que aínda que en 2022 as capturas estiveron por debaixo da media dos últimos 20 anos, os ingresos acadados superaron os 71 millóns de euros, un 4% máis que a media anual do período 2003-2022, de 67 millóns de euros.

No caso da ría de Arousa, a representante da Consellería do Mar destacou que a situación é semellante -con descenso nas capturas pero incrementos nos ingresos- e puxo en valor o traballo realizado entre 2017 e 2023 na zona, un período no que se aprobaron preto dun cento de proxectos de rexeneración de bancos marisqueiros impulsados polas confrarías da ría de Arousa por importe de preto de 3,3 millóns de euros.

As actuacións aprobadas nestes anos permitiron actuar nunha superficie de máis de 5,3 millóns de metros cadrados de superficie incluíndo a sementeira de preto de 77 millóns de unidades de moluscos bivalvos, fundamentalmente ameixa babosa. Estas e outras tarefas, como a limpeza de algas ou a remoción do substrato, contribúen a mellorar o estado dos bancos, unha liña na que vai seguir traballando a comunidade.

Consello Informal de Ministros

O representante do Executivo galego tamén respondeu unha pregunta sobre o Consello Informal de Ministros de Pesca da Unión Europea organizado polo Goberno central entre o 17 e o 18 de xullo en Vigo, na que lamentou que ese cumio non serviu para atender ningún dos retos aos que se enfronta o sector pesqueiro galego.

O director xeral de Pesca lembrou que ese encontro se organizou co pretexto de abordar a descarbonización do sector marítimo-pesqueiro, pero que nel non se avanzou en cuestións como a mellora a bordo dos buques nin na asignación de fondos adicionais para apoiar a frota e facilitarlle a adaptación ás novas exixencias. Tampouco se abordaron asuntos urxentes como a remuda xeracional, a soberanía alimentaria ou os prezos dos produtos do mar, polo que Antonio Basanta cualificou de nulo o resultado dese Consello Informal no que ten que ver cos intereses da cadea mar-industria galega.

5 de setembro de 2023 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.