publicidade hoxe

A Xunta aposta pola colaboración institucional como unha potente ferramenta na loita fronte os lumes forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, amosou hoxe no pleno do Parlamento a súa firme crenza na colaboración institucional como ferramenta na loita contra os incendios forestais. En resposta a unha pregunta sobre este tema, González apostou por continuar cooperando neste eido co resto das administracións -locais e provinciais-, e con todas as deputacións.

Nesta mesma liña, o titular de Medio Rural salientou que, ata o momento, a única deputación que colaborou coa Xunta nesta materia foi a de Ourense. Neste sentido, recordou o informe dos expertos designados polo Parlamento no que -dixo- se trasladaba claramente a necesidade de participación por parte das deputacións no financiamento das brigadas municipais.

En relación con este asunto, o conselleiro trasladou as melloras continuas introducidas nos últimos anos nos convenios asinados coas distintas entidades locais. Así, puxo en valor o aumento da dotación económica, de forma que, nas brigadas de cinco compoñentes, o orzamento medrou preto do 40% entre os anos 2021 e 2023, pasando de 27.000 a 38.000 euros.

Neste sentido, lembrou o convenio de protección das aldeas firmado no ano 2018 coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a entidade pública Seaga que nos últimos cinco anos investiu máis de 40 millóns de euros en prevención e extinción de incendios. Algunhas das actuacións enmarcadas neste acordo, son os plans municipais de extinción e prevención, a comprobación das faixas secundarias arredor das aldeas, as execucións subsidiarias e outras tarefas de prevención feitas polos 35 tractores dispoñibles grazas a este convenio.

Novas actuacións subvencionables

Tamén, destacou a posta a disposición de novas actuacións subvencionables, así como o incremento de prezos unitarios nos traballos preventivos das brigadas. Nesta liña, subliñou que este ano engadiuse a posibilidade de realizar a inspección do estado de xestión da biomasa nas franxas secundarias, no marco do convenio de protección das aldeas, a un prezo de 12 euros a parcela. A maiores, o conselleiro remarcou que se incrementaron tamén os prezos unitarios de roza manual.

Por outra banda, José González indicou que se simplificou de xeito extraordinario a documentación a aportar polos concellos e que tamén se ampliaron as titulacións admitidas para o posto de xefe de brigada. A maiores, sinalou o conselleiro, reforzouse a formación para os compoñentes das brigadas e condutores de vehículos motobomba.

Dispositivo ben estruturado

Como conclusión, o conselleiro advertiu que Galicia xa conta cun dispositivo anti incendios suficiente e ben estruturado, no que se inclúen as brigadas municipais. Tamén, que Galicia xa acerta coas medidas transversais a curto, medio e longo prazo, buscando a mellora continua. E que Galicia xa posúe unha estratexia decisiva fronte o lume pola vía da xestión sustentable do territorio, mesmo de xeito máis decisivo coa futura Lei integral contra os incendios forestais.

Precisamente, José González finalizou a súa resposta animando unha vez máis a aproveitar esta normativa -en tramitación- para acadar un pacto común cos grupos parlamentarios que permita despolitizar unha loita contra o lume que, remarcou, “é compartida”.

13 de setembro de 2023 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.