publicidade hoxe

A Xunta amplía a identificación electrónica co sistema clave, aberto á cidadanía da UE

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

As persoas usuarias da plataforma de administración electrónica da Xunta de Galicia poden dende hoxe utilizar o sistema Cl@ve do Goberno de España para identificarse, ademais do sistema Chave 365 da Xunta, o DNI electrónico ou o certificado dixital.

Esta posibilidade abre as tramitacións da administración autonómica electrónica á cidadanía da UE non residente en España que non dispoñen de NIF, que poden utilizar Cl@ve, a través do Sistema europeo de recoñecemento de identidades electrónicas Nodo eIDAS.

Os procedementos do sistema Cl@ve son moi similares aos da Chave 365. Ambos teñen como obxectivo proporcionar un uso sinxelo para o acceso aos trámites electrónicos de persoas que non dispoñen de certificado electrónico dende calquera tipo de dispositivo. Chave 365 permite, en todos os casos, tanto a identificación electrónica como a sinatura dixital. Sen embargo, Cl@ve ten dúas modalidades: a Cl@ve pin, pensado para un acceso á administración dixital máis ocasional, e a Cl@ve permanente, que esta pensada para unha relación máis constante coa administración dixital.

Ademais de acceder ás notificacións, as persoas que utilicen o sistema de acceso con Cl@ve pin ou permanente poderán realizar todos os procedementos da Administración electrónica da Xunta, salvo a alta, baixa ou modificación de Chave 365. As persoas que accedan coa Cl@ve eIDAS poderán realizar os trámites de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizo transnacional e os de axudas de emerxencia social.

O sistema Chave 365 da Xunta conta na actualidade con 1,5 millóns de persoas usuarias, unha cifra que non parou de crecer dende a creación do sistema en 2014. Entre 2019 e o pasado mes de maio, o número de persoas usuarias creceu un 767%.

8 de setembro de 2023 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.