publicidade hoxe

A Xunta adxudica por 585.000 euros as obras do aparcadoiro disuasorio no enlace da estrada PO-340 coa autoestrada do Val Miñor, en Nigrán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigránPortada dereita
A-
A+

A Xunta adxudicou por 584.705 euros a execución do aparcadoiro disuasorio asociado á implantación de zonas de baixas emisións no enlace da estrada PO-340 coa autoestrada do Val Miñor e adxacente á peaxe da saída A Ramallosa-Gondomar, no concello de Nigrán.

Esta intervención, adxudicada á empresa Naróm S.L, ten como obxectivo facilitar o emprego do vehículo compartido para acceder á autoestrada AG-57 e reducir a presenza dos coches no centro da vila. A previsión da Xunta é comezar os traballos en próximas semanas.

Este novo aparcadoiro contará cunha superficie total de 3.500 m², disporá de 72 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida, ademais da preinstalación para 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

No contrato adxudicado inclúese, tamén, a disposición dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de ancho e de sentido único.

No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de arborado e alumeado, que irán separadas das prazas por un bordo.

A actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

5 de setembro de 2023 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.