publicidade hoxe

A Xunta abrirá un novo Polo de Emprendemento en Baños de Molgas para xerar emprego e dinamizar a economía local

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, anunciou hoxe a creación dun novo Polo de emprendemento e apoio ao emprego en Baños de Molgas, que permitirá dinamizar a economía local e incrementar as oportunidades laborais na contorna. A titular de emprego participou nun encontro con empresarios desta zona, no que puxo en valor o seu potencial para a creación de emprego rural, próximo e de calidade.

Rivo remarcou o potencial de sectores como o turismo termal, o primario e forestal en Baños de Molgas, terra rica en oportunidades, na que o novo polo de emprendemento suporá un “pulo importante”, afirmou.

Galicia está a tecer unha Rede de polos de emprendemento para dar cobertura ao 100% do territorio, unha experiencia que iniciou o seu percorrido hai algo máis dun ano e que está a cumprir co seu triplo obxectivo: casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da Comunidade; dinamizar o mercado de traballo, buscando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; e fixar poboación no territorio. O de Baños de Molgas ampliará a rede de polos da provincia ourensá, tras a posta en marcha de dous no Carballiño e en Verín e a próxima inauguración dun terceiro no Barco de Valdeorras.

Os polos ofrecen acompañamento continuado para as persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que pasan os seus proxectos. O obxectivo é convertelos en centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sendo foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.

Ata a actualidade, a rede de polos xa realizou 1.500 titorías para sacar adiante as iniciativas duns 500 emprendedores, entre as que destacan as relacionadas co comercio, a hostalaría, a agricultura, a gandaría e a pesca.

A Xunta seguirá a fomentar este modelo como forza impulsora da economía e da sociedade, que xera oportunidades e emprego de calidade.

5 de setembro de 2023 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.