A Filmoteca de Galicia inicia o curso con dous novos ciclos sobre Víctor Erice e o serial “Les Vampires”
A Filmoteca de Galicia retoma mañá a programación na súa Sala José Sellier da Coruña, que ao longo de setembro porá o foco no cineasta Víctor Erice e no serial mudo Les Vampires, de Louis Feillade, aos que se lles dedica cadanseu ciclo, ademais de lle dar continuidade á retrospectiva sobre Douglas Sirk. A cinemateca da Xunta inicia o novo curso mañá ás 19,00 h. coa proxección de Toro Salvaje, a célebre película que Martin Scorsese estreou en 1980 a partir da historia do boxeador Jake LaMotta.
Xa o mércores, a actividade proseguirá cunha nova entrega do ciclo sobre o director xermano Douglas Sirk, desta volta centrándose na súa primeira etapa en Hollywood entre os anos 1944 e 1949. Así, na sesión das 18,00 horas, poderá verse o filme de 1946 Escándalo en París.
Ese mesmo día, ás 20,30 h., a Sala José Sellier acollerá a primeiras das oito sesións que se lle dedicará ata novembro a Les Vampires, serie de 10 capítulos escritos e dirixidos polo francés Louis Feuillade e estreada entre novembro de 1915 e xuño de 1916. Este mércores poderán verse na Coruña os dous primeiros episodios, La tête Coupée e La Bague Qui Tue, como arranque dun programa que este mes conta con proxeccións os días 19, 22, 26 e 29.
50º aniversario de ‘El espíritu de la colmena’
Ademais, en setembro a Filmoteca ofrécelle ao seu público o ciclo Universo Víctor Erice, xusto antes da estrea comercial da súa nova película o día 29. El espíritu de la colmena, obra que neste 2023 conmemora o seu 50º aniversario, será a primeira das películas desta escolma, que poderá verse o sábado 16 ás 18,00 h. e o martes 19 ás 20,30 h.
Os outros dous títulos de Erice serán El Sur o martes 26 e El sol del membrillo o día seguinte. Desta última fita, na que o director sitúa tanto o argumento como o protagonismo nun cadro do pintor Antonio López, exhibirase unha versión restaurada e estrada en 2017 en Cannes.
A programación complétase con outros apartados estables da programación ao longo do ano. Así, no espazo de Fóra de Serie, inclúese o título arxentino Trenque Lauquen, de Laura Citarella, que cunha metraxe superior ás catro horas, foi un dos grandes éxitos o ano pasado no circuíto de festivais. O seu pase, dividido en dúas partes de 130 minutos, terá lugar este mesmo venres. Outra cita destacable en Fóra de Serie é Godland, do islandés director Hlynur Pálmason, programada para o día 21.
Off Galicia
Devolvendo o golpe, fita de Carlos Prado Pampín de 2022, enmarcarase na sección Off Galicia. Trátase dun documental ao redor da historia dun rapaz que, tras estar a piques de falecer nun atropelo, ve como a súa nai, Rosa, loita para que saia adiante e cumpra cun soño: facerse co Campionato de España de Boxeo. A sesión será o xoves 28.
Setembro despedirase na Filmoteca da Xunta con Douglas Sirk, de quen se proxectará o sábado 30 Más fuerte que la ley. Este título culminará a relación doutros filmes do director que se pasarán nas próximas semanas, como Pacto tenebroso ou El asesino poeta.