A campaña de vacinación fronte a gripe e o covid arrancará o 25 de setembro nas residencias de maiores e persoas con discapacidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o vindeiro 25 de setembro arrancará a campaña de vacinación da gripe e da covid nas residencias de maiores e persoas con discapacidade da comunidade. O presidente resaltou que “a vacinación xoga un papel fundamental” na prevención de enfermidades e no impulso de camiñar cara unha sanidade máis proactiva, é dicir, actuar antes de que se produza un problema de saúde. Este é un dos obxectivos principais da Estratexia galega de saúde 2030 que inicia a súa tramitación tras ser avaliada hoxe polo Consello na súa reunión semanal.
Rueda explicou que esta Estratexia “é unha folla de ruta” para afrontar os retos da sanidade do futuro e chega despois de que a pandemia “deixase clara a necesidade dunha maior integración das políticas sanitarias en marcha”. De feito, tal e como subliñou o presidente, “é a primeira vez que se realiza unha planificación conxunta das prioridades en saúde pública, atención aos pacientes e investigación sanitaria”.
A aprobación desta planificación integrada é un mandato derivado da reforma da Lei de saúde de Galicia que o Parlamento autonómico aprobou tras a fase aguda da pandemia.
Tal e como indicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, esta Estratexia conta con 20 programas e ata 100 liñas de actuación. Entre os principais obxectivos está que o sistema público galego adopte un enfoque máis proactivo, incrementando a actividade que se realiza sen agardar á aparición dun problema de saúde: desde a actividade de vixilancia epidemiolóxica ata as accións de prevención como a vacinación ou os cribados, ou as actuacións de saúde comunitaria e dos plans locais de saúde para favorecer estilos de vida saudables, mellorar o estado xeral de saúde e previr a aparición das enfermidades.
Nesta liña, o conselleiro salientou que Galicia “conta co calendario de vacinación infantil e o cribado neonatal máis completo” de España e que a comunidade galega foi a primeira en anunciar “que incluirá os cribados de cancro de pulmón e próstata así como ampliar a idade do de mama”.
Outro dos obxectivos da Estratexia é camiñar cara a unha atención máis integrada e personalizada, adaptada á situación de Galicia de elevada presenza de pacientes crónicos e complexos. Avanzar na conexión entre niveis asistenciais e o sociosanitario, posta en marcha de procesos asistenciais integrados, unidades multidisciplinares, reforzo da capilaridade territorial no rural, atención domiciliaria, monitorización a distancia e ampliación dos mecanismos de comunicación do paciente co sistema, así como nas tecnoloxías que faciliten a medicina de precisión e os tratamentos adaptados a cada paciente.
Ademais, traballarase en deseñar mecanismos de integración da innovación. O eido sanitario está a experimentar avances disruptivos que supoñen cambios radicais en curtos períodos de tempo e o sistema debe ter ferramentas para incorporalos con axilidade, o que supón traballar “nunha maior conexión entre a atención sanitaria e o ecosistema de I+D+i sanitario”, indicou o conselleiro; na posta en marcha dunha oitava área sanitaria para o apoio tecnolóxico a distancia das áreas físicas; no desenvolvemento de mecanismos de compra pública innovadora para incorporar novos sistemas ou tecnoloxías; na xeneralización do diagnóstico xenético ou na integración de ferramentas de transformación dixital na relación cos usuarios, e no apoio aos profesionais coa intelixencia artificial ou o big data.
A nova Estratexia tamén vai fomentar a transparencia dos resultados do sistema sanitario. Proponse reforzar a capacidade de análise do Sergas cun departamento de información e análise dos resultados en saúde e potenciando os mecanismos de medición da experiencia dos pacientes, que permitan deseñar sistemas de indicadores baseados nos resultados en saúde e desenvolver mecanismos de avaliación máis completos como acordos de xestión plurianuais coas áreas sanitarias ou modelos de avaliación do desempeño para os profesionais, así como instrumentos de transparencia cara á cidadanía con información de calidade sobre actividade e desempeño dos recursos do sistema e sobre os datos de saúde da poboación galega.
E, por último, esta folla de ruta aposta tamén por dar maior transversalidade á saúde nas políticas públicas máis alá da Consellería de Sanidade. Crearase unha Comisión Interdepartamental de Saúde para coordinar o impacto en saúde das distintas políticas da Xunta en materias como educación, economía ou transporte, e reforzarase o enfoque «Unha soa saúde» para dar coherencia ás políticas ambientais, de sanidade animal e de saúde pública.
A estratexia incorpora tamén perspectiva de xénero na súa diagnose e nas súas medidas de futuro, priorizando a abordaxe dos problemas de saúde en que existen desigualdades de xénero e reforzando as políticas activas de igualdade para o persoal sanitario. Tamén prevé o impacto do cambio climático na saúde e inclúe actuacións de sostibilidade aliñadas coa recente Estratexia de economía circular.
Proceso participativo e tramitación transparente
O texto aprobado inicialmente hoxe polo Consello da Xunta contou coa participación de máis de 60 profesionais da estrutura directiva e dos centros sanitarios a través de 18 sesións de traballo, recolleu suxestións de 150 entidades como colexios profesionais, sociedades científicas, universidades, asociacións de pacientes, organizacións sindicais e outras entidades do sector sanitario. Alíñase coa Estratexia europea de saúde e coa Axenda 2030 de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas.
De xeito inmediato, este documento será publicado no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia para recibir alegacións e suxestións da cidadanía.
Posteriormente, o texto da Estratexia será sometido a unha análise de impacto de xénero e será presentado aos distintos órganos de participación e asesoramento da Consellería de Sanidade. A versión final do documento será sometida de novo ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva e remisión ao Parlamento de Galicia, onde será presentada aos grupos políticos polo conselleiro de Sanidade nunha comparecencia específica.