publicidade hoxe

Reabre o espazo de lecer no campionato de surf Pantín Classic Galicia Pro para garantir a conciliación das familias asistentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaPortada dereitaValdoviño
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través do Plan Corresponsables, apoia con 150.000 euros o programa de actividades que abre mañá con motivo do campionato de surf Abanca Pantín Classic Galicia Pro, para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos asistentes ao evento como público, das persoas participantes e do persoal traballador. No recinto quedará instalado un espazo de lecer con múltiples e diferentes obradoiros e un servizo dedicado ao coidado profesional dos menores de entre 4 e 16 anos.

Co desenvolvemento deste espazo promóvese un proxecto socioeducativo que favorece a participación e a interacción a través do xogo, con actividades como un taller de reciclaxe creativa, charlas explicativas ou xogos tradicionais e de praia.

O campionato de surf de Pantín celebra a súa trixésimo sexta edición entre o día de mañá e o 3 de setembro, converténdose unha vez máis no evento de surf máis importante de España e no máis lonxevo de Europa.

No mesmo marco de actuación, do 20 ao 24 de setembro terá lugar unha nova edición do Cabreiroá Junior Pro Ferrol na praia de Razp. Neste espazo celebraranse actividades dirixidas tamén a fomentar o deporte entre os máis novos como bautizos de surf, clases de skate na rampla instalada ou xogos na praia.

Grazas a este programa, as familias galegas tiveron xa á súa disposición o Espazo Corresponsable Urbano de Ferrol nos pasados meses de xuño e xullo.

O Plan Corresponsables promove en Galicia diferentes accións que está a desenvolver a Xunta para o fomento da igualdade, especialmente aquelas que facilitan a conciliación familiar, laboral e persoal e a corresponsabilidade. Neste sentido, os eventos enmarcados neste programa fan especial fincapé nos aspectos relacionados coa educación en igualdade, incorporando nas actividades mensaxes que eviten o sexismo e fomentando aquelas a favor da igualdade desde idades temperás.

25 de agosto de 2023 | 14:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.