publicidade hoxe

A Xunta convoca en setembro e novembro os titulares dos terreos necesarios para executar as obras de mellora dos accesos do Novo Hospital Público da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta convoca en setembro e novembro os titulares dos terreos necesarios para executar as obras de mellora dos accesos do novo Hospital Público da Coruña.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña recolle este anuncio polo que se convocan os actos de levantamento de actas previas á ocupación para o 12 de setembro, de 10:30 a 11:30 horas, na sala reunións do edificio administrativo da Xunta na Coruña. A formalización das actas terá lugar o 15 de novembro no mesmo horario e lugar.

Cómpre lembrar que o contrato do concurso de proxecto e obra está actualmente en proceso de licitación, supoñendo un investimento de 24,8 millóns de euros.

Neste sentido, as expropiacións permitirán que o adxudicatario do contrato realice labores como xeotecnia ou topografía de detalle nas parcelas na fase de redacción do proxecto construtivo.

Os obxectivos dos accesos son mellorar o modelo actual e adaptalo ao proxecto do novo Hospital e á mobilidade da contorna, a través dun esquema sinxelo e entendible por todos os usuarios.

Para acadar estes obxectivos, en primeiro lugar, prevese mellorar a conexión do CHUAC coa rede viaria de alta capacidade a través da AC-12 ou avenida da Pasaxe.

A conexión coa AC-12 realizarase mediante un enlace tipo trompeta e unha glorieta de 41 metros de diámetro, procurando en todo momento a máxima integración na contorna e o mínimo impacto.

Esta actuación permitirá, ademais, optimizar os accesos ao Hospital San Rafael desde a AC-12 ou avenida da Pasaxe.

En segundo lugar, prevese a execución parcial da vía perimetral que dará acceso directo aos distintos servizos do hospital e conectará coa rede viaria urbana en diferentes puntos. A configuración desta parte do anel perimetral do Novo CHUAC suporá a execución de 4 km de vías e 21 eixes diferentes.

E, en terceiro lugar, tamén se contempla a construción dun acceso provisional de saída cara á AC-10 durante a execución das obras para facilitar o seu desenvolvemento, así como a habilitación dun aparcadoiro tamén temporal ao oeste da rúa Curramontes con máis de 5.000 metros cadrados de superficie e 195 prazas de estacionamento.

A Xunta continúa traballando para que o Novo CHUAC teña uns accesos máis funcionais e sinxelos, integrados na rede urbana, que faciliten a chegada ao aparcadoiro e aos diferentes servizos do hospital e que aseguren, ademais, o funcionamento do complexo durante as obras.

O Goberno galego licitou o contrato para a demolición do Hotel de Doentes, cuxo espazo é necesario para executar os novos accesos.

Todas estas intervencións forman parte dunha actuación complexa e ambiciosa que exixe un gran traballo e un investimento de 500 millóns de euros para garantir a atención sanitaria a máis de 500.000 pacientes.

25 de agosto de 2023 | 14:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.