Trenor avoga pola colaboración entre a administración e o tecido empresarial galego para seguir batendo récords en exportacións
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá na inauguración da feira ExporPymes organizada pola Cámara da Comercio da Coruña. Na súa intervención destacou o “bo comportamento da economía galega, logramos recuperar o PIB previo á Covid antes que o conxunto de España” e incidiu en que, “Galicia vive o seu mellor ciclo exportador, a nosa comunidade exportou, no que vai de ano, (de xaneiro a abril) un 6,4% máis que no mesmo período de 2022, sendo o mellor primeiro cuadrimestre da historia no tocante ás exportacións”.
Trenor felicitou a esta entidade por congregar neste evento a máis de 150 empresas co obxectivo de favorecer a súa capacidade exportadora. Neste senso, destacou esforzo da Xunta de Galicia coa posta en marcha da Estratexia de Internacionalización de Galicia para o período 2021-2025, que, a través da aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados, está a facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial.
O representante do Goberno galego trasladou o compromiso do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co tecido exportador para que siga contribuíndo a expandir a Marca Galicia grazas ao traballo e ao talento de compañías que continúan buscando a fórmula para ofrecer cada vez unha maior calidade e fiabilidade aos seus clientes.
Trenor recalcou que “seguiremos apoiando aos exportadores galegos tanto desde as axudas para a internacionalización como mediante accións que melloren a visibilidade, formación e posicionamento das nosas empresas”.