publicidade hoxe

Rueda destaca o labor da Autoridade Portuaria de Vigo para construír a cidade do futuro e consolidar este porto como un referente a nivel internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+
 O presidente do Goberno galego reúnese co novo presidente da entidade, Carlos Botana


O presidente do Goberno galego reúnese co novo presidente da entidade, Carlos Botana

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá unha reunión co novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, na que analizaron os retos actuais e de futuro aos que se enfronta un dos portos máis importantes de toda España. Rueda subliñou a plena disposición da Administración autonómica a colaborar con esta entidade que, segundo resaltou, ten un papel clave na construción do Vigo do futuro e para consolidar o peirao vigués como un referente a nivel internacional.

Durante o encontro, o primeiro desde o nomeamento de Botana o pasado venres e no que tamén estivo presente o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, analizaron a importancia de xestionar o porto vigués tendo en conta aspectos medioambientais e socioeconómicos, sen perder competitividade. Nesta liña, amosaron o interese común en garantir que o porto de Vigo siga a ser un dos que máis tráfico e exportacións rexistra de toda Galicia así como en reclamar o cumprimento dos compromisos co porto e a súa área de influencia. Entre eles, destacaron a construción de infraestruturas ferroviarias axeitadas para un porto de tanta actividade a través do Corredor Atlántico.

Rueda e Botana analizaron tamén algúns dos proxectos que se están a levar a cabo no porto vigués -como o programa europeo Blue Growth para impulsar o crecemento sostible dos sectores mariño e marítimo- ou a recuperación da fachada marítima de Vigo. Neste sentido, a Xunta destina 3,5 M€ á recuperación do bordo litoral e a súa integración urbana cun dos treitos remodelados -entre A Laxe e o Berbés- xa en servizo e a previsión de iniciar as obras entre a rúa Coruña e Bouzas antes de que finalice este verán.

12 de xullo de 2023 | 12:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.