Revenidas miúdo terá lugar este domingo no Monte do Gozo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación da i edición do festival “Revenidas miúdo”, destinado aos máis pequenos, e que terá lugar no Monte do Gozo este domingo 16 de xullo.
Merelles gabou esta pioneira iniciativa para nenos e nenas de todas as idades, que como din os seus organizadores é un auténtico «All Star da música infantil e artes escénicas galegas”, con 5 propostas galegas como son Uxía Lambona e a Banda Molona, Peter Punk, Pakolas, Paco Nogueiras e Cé Orquestra Pantasma.
“O Revenidas Miúdo nace cun espírito de romaría diúrna de carácter familiar, neste espazo xa emblemático de celebración de festivais. O turismo de festivais está gañando cada vez máis adeptos en Galicia e están sendo un puntal na recuperación tanto do sector cultural como do turístico, xa que nestas datas miles de persoas enchen Galicia” indicou o director de Turismo de Galicia.
Merelles lembrou que o ano pasado aos concertos do Xacobeo asistiron máis de 1,1 millóns de persoas, participaron máis de 500 artistas chegados dende todos os lugares do mundo en máis de 70 concellos da nosa comunidade.
“Vimos de obter unhas cifras espectaculares co Son do Camiño onde durante 3 días o Monte do Gozo acolleu 134.000 asistentes, dos cales un 43% era público de fóra de Galicia. E o pasado sábado neste mesmo recinto contamos coa actuación de Robbie Williams, Martin Garrix, Iván Ferreiro e Hombres G que reuniron a miles de persoas”, finalizou Xosé Merelles.