publicidade hoxe

A Xunta recibe 13 ofertas para as obras do novo colector xeral de Burela, que suporán un investimento de 4,7 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 13 ofertas de empresas para executar as obras do novo colector xeral de Burela, licitadas por un importe de 4,7 millóns de euros.

Algunhas das ofertas presentadas para executar estas obras de mellora do sistema de saneamento municipal están conformadas por UTE, sumando un total de 18 empresas.

O obxectivo da Xunta é poder adxudicar as obras a finais de ano para poder comezar coa súa execución a principios do vindeiro.

En concreto, construirase unha estación de bombeo e tratamento de augas que recollerá a maior parte das augas residuais de Burela para impulsalas cara á futura depuradora.

Para isto renovarase a rede de colectores xerais, para dirixir as augas residuais á nova estación de bombeo, e construiranse colectores secundarios para dar servizo á zona portuaria, reducindo a infiltración de auga ao sistema na zona da fronte marítimo.

Tamén se acometerá unha impulsión desde a estación de bombeo á nova depuradora, unha condución de vertido e a correspondente impulsión á nova depuradora da zona adxacente á lonxa.

Os traballos estarán cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020 e Feder Galicia 2021-2027.

As actuacións proxectadas contribuirán a solucionar os problemas de saneamento no concello de Burela e veranse completadas coa nova estación depuradora, cuxo proxecto está redactado e continúa avanzando para completar a tramitación ambiental. A previsión é poder licitar as obras no segundo semestre do ano.

Estas dúas actuacións permitirán o correcto funcionamento do sistema municipal de saneamento e depuración e suporán un investimento global da Xunta de máis de 14 millóns de euros.

12 de xullo de 2023 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.