publicidade hoxe

A Xunta publica unha Guía de boas prácticas para axudar a integrar os sistemas de conterización de residuos domésticos nas contornas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOrdesPortada esquerda
A-
A+
Presentación da guía de boas prácticas

Presentación da guía de boas prácticas

A Xunta de Galicia publica hoxe a primeira Guía de boas prácticas para a integración paisaxística dos sistemas de conterización de residuos, unha publicación na que se reúnen toda unha serie de criterios, recomendacións e directrices comúns a aplicar para optimizar a localización de contedores e outros elementos destinados á recollida do lixo doméstico.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá a nova guía en Ordes, onde salientou a importancia de tentar combinar a prestación dun servizo esencial, como é o da recollida dos residuos urbanos, co coidado e a protección das diferentes tipos de paisaxes nas que este tipo de sistemas se teñen que emprazar.

Neste sentido, a responsable autonómica salientou precisamente o caso do concello de Ordes, ao que puxo como exemplo da busca dunha integración harmoniosa de contedores e papeleiras e da súa adaptación á contorna na que se insiren, destacando a aposta do Goberno local polo soterramento do sistema de conterización municipal.

Na guía, elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), analízanse os diferentes modelos de recollida de residuos urbanos para ofrecer unha perspectiva ampla sobre as solucións que se poden atopar no mercado na actualidade, destacando as características e vantaxes de cada unha delas.

Así mesmo, tamén inclúe unha serie de cuestións xerais para garantir a súa integración paisaxística así como unha táboa graduada para valorar o grao de consecución a partir de seis indicadores —lugar de instalación, dimensións dos contedores, agrupación, cor, rotulación e apantallamento— e tendo en conta cinco posibles tipos de escenarios —contornas urbanas, zonas rurais, praias, espazos naturais e s zonas históricas—.

A nova guía, que desde hoxe está dispoñible xa para a súa consulta en liña na páxina web do IET, forma parte da chamada Colección Paisaxe Galega, un conxunto de publicacións monográficas elaboradas co fin de ofrecer consellos e recomendacións para avanzar na protección das diferentes formas de paisaxe existentes na Comunidade, e que certo tipo de actuacións —edificacións de calquera natureza, peches, equipamentos de uso público, etc.— poidan lograr unha boa integración coa contorna onde se sitúan.

Desde o ano 2012, esta colección suma xa un total de 16 Guías e publicacións, incluída a presentada hoxe. A maiores, cómpre lembrar que o ano pasado o IET tamén impulsou no marco da mesma o visor dixital A paisaxe de Galicia dende a bicicleta.

10 de xullo de 2023 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.