publicidade hoxe

A Xunta pon en marcha a construción do Novo Hospital Público da Coruña coa licitación hoxe das obras da Torre Polivalente por importe de máis de 35 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
A conselleira Ethel Vázquez durante o anuncio

A conselleira Ethel Vázquez durante o anuncio

A Xunta pon en marcha a construción do Novo Hospital Público da Coruña coa licitación hoxe das obras da Torre Polivalente por importe de 35,1 M€.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, abordou a licitación co xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e a Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Vázquez Mourelle detallou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 14 de agosto para presentar as súas ofertas, polo que posteriormente se adxudicarán as obras co obxectivo de poder comezar a executalas este mesmo ano, cun prazo de 18 meses.

A licitación, recollida hoxe na Plataforma de Contratos da Xunta, é un gran avance neste proxecto prioritario, xa que se trata da primeira obra coa que dará comezo a construción do Novo CHUAC.
Sinalou que a Torre Polivalente será o punto desde o que se administrará todo o complexo e tamén o nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.

Este primeiro edificio do Novo CHUAC situarase na parcela sen edificar ubicada ao carón do actual complexo, ocupando uns 4.500 m² en planta rectangular e albergando 12.300 m² de superficie construída, un total de 8.260 m² de superficie útil distribuída en 16 andares, 3 deles baixo rasante.

De xeito máis concreto, o nivel 0 a 2 serán para instalacións; o 3 será para informática; os 4 a 6 para accesos; os 7 a 12 centralizarán as instalacións de xestión, administración e laboratorio; o 13 e 14 destinaranse a Hotel de Doente, con 14 habitacións; e o 15 destinarase ás instalacións de clima.

A Torre disporá de dous accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para os usuarios do Hotel de Doentes e persoal administrativo, cunha zona cuberta que conformará un gran soportal de acceso; e outra entrada para persoal sanitario, en cuxo exterior se disporá unha praza de uso público e zonas verdes.

Este edificio executarase cun sistema construtivo que se poida adaptar ás novas necesidades; seguindo criterios de eficiencia enerxética, desde o punto de vista térmico, de iluminación e da xestión da auga, primando o baixo consumo con dispositivos de aforro; e empregando materiais de proximidade e reciclables.

Vindeiros avances e licitacións

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adiantou que nos vindeiros días tamén se licitarán o contrato para a redacción do proxecto construtivo e a execución das obras do viario perimetral e os accesos a novo Hospital; así como a demolición do Hotel de Doentes, cuxo espazo é necesario para executar os novos accesos.

Remarcou que todas estas intervencións forman parte dunha actuación complexa e ambiciosa que exixe un gran traballo e un investimento de 500 M€ para garantir a atención sanitaria a máis de 500.000 pacientes.

Subliñou o esforzo da Xunta a prol da planificación, da negociación e da procura de solucións para cada un dos desafíos que este gran proxecto leva implícitos: o emprazamento suficiente, os accesos axeitados, o financiamento necesario e a sensibilidade precisa para responder aos propietarios dos terreos afectados.

Dada a magnitude do Novo CHUAC, Ethel Vázquez explicou que está a ser tramitado a efectos urbanísticos como proxecto de interese autonómico, que está xa redactado e sometido recentemente a información pública para acadar a aprobación definitiva este mesmo ano.

Indicou que este documento inclúe a ordenación do solo dos novos edificios, o plan de mobilidade e as parcelas previstas para destinar ás novas vivendas e negocios expropiados.

10 de xullo de 2023 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.