A Xunta mellorará a eficacia na busca de persoas desaparecidas cun proxecto novidoso baseado no uso de drons con sistemas de xeolocalizacion avanzada
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicou hoxe no Parlamento de Galicia as incorporacións de novas tecnoloxías nos equipos do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) na busca de persoas desaparecidas. Este grupo colaborou desde a súa posta en marcha en 2016 en máis dun cento de dispositivos de busca e nestes anos adquiriu novos equipos como cámaras con visión nocturna ou térmicas e implantou medidas encamiñadas a un novo modelo baseado na xeolocalización.
Na súa intervención avanzou que a Axega está a traballar co financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través de fondos FEDER do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 dentro do marco do eixe REACT-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19, nun proxecto novidoso que permita actuar e localizar a persoas extraviadas no menor tempo posible mediante o uso de vehículos aéreos tripulados de xeito remoto.
En concreto, este contrato, que se enmarca no Polo Aeroespacial de Galicia, atópase na fase de I+D e xa se está a avanzar na licitación do concurso destinado á adquisición de solucións innovadoras para a mellora dos servizos públicos de emerxencias. Deste xeito, proponse a adquisición de equipamento específico nestes operativos como unha plataforma aérea e sistemas de control desde terra ou sensores para aeronaves.
Santiago Villanueva explicou que, tras a adquisición desta solución, a Xunta poderá poñer en marcha servizos como a busca e localización de persoas con equipos móbiles xenéricos ou específicos como balizas. Para as persoas que non dispoñan de equipos electrónicos a opción escollida é o emprego de sensores baseados en intelixencia artificial. Ademais, como servizo previo á desaparición e anticipándose a estes sucesos, contémplase a instalación dun equipo que envía un aviso de que a persoa de interese abandonou o perímetro de seguridade fixado na zona onde foi colocado.
O director xeral de Emerxencias e Interior incidiu que con estes avances preténdese seguir avanzando na dotación das tecnoloxías necesarias coas que garantir a seguridade da cidadanía. En definitiva, trátase -engadiu- de “contribuír a unha sociedade galega segura”.
Nesta liña, a Xunta, a través do GALI da Axega e con apoio de GAIN busca dotar aos servizos de saúde, emerxencias e servizos sociais e responsables destas intervencións das ferramentas axeitadas para mellorar a eficacia na prevención como durante os operativos e, en especial nos casos de persoas desaparecidas debido a diferentes patoloxías derivadas do deterioro cognitivo. Cómpre ter en conta que, segundo as chamadas rexistradas no 112 Galicia, máis do 76% das desaparicións son de persoas maiores de 60 anos.
Neste tipo de dispositivos, a coordinación entre as forzas e corpos de seguridade participantes é clave para a localización das persoas. Segundo o caso, tamén poden participar unidades de voluntarios de Protección Civil, unidades caninas, unidades aéreas e bombeiros, ademais da colaboración voluntaria da veciñanza. Pola súa parte, a Axega mediante o GALI achega -indicou Villanueva- medios especializados como carpas modulares, aeronaves non tripuladas por remoto ou vehículos anfibios con ferramentas para o traslado da persoas de zonas de difícil acceso a un lugar seguro.
De todas formas, o director xeral explicou que deste modelo de busca clásica coordinada polas forzas e corpos de seguridade e coa mobilización de efectivos de emerxencias estase derivando a un novo modelo no que se aposta pola xeolocalización.