A Xunta lanza unha campaña de concienciación fronte ás altas temperaturas nas contornas laborais
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, presenta unha campaña de sensibilización fronte aos riscos relacionados coas altas temperaturas e coa radiación solar nas contornas laborais. Esta iniciativa pon o foco na necesidade de descanso, a climatización, a boa alimentación, a hidratación nos lugares de traballo e cambios nos horarios laborais cando for preciso. Ademais, trátase de informar e concienciar dos perigos da realización de tarefas a altas temperaturas durante a xornada laboral para mellorar o benestar e a seguridade das persoas traballadoras.
A Xunta de Galicia dá a coñecer, a través deste proxecto do ISSGA, os grandes riscos da calor no desenvolvemento de tarefas laborais, especialmente en épocas estivais. Neste sentido, a campaña achega de xeito comprensible as medidas de prevención orientadas a reducir a exposición a estes axentes de risco das traballadoras e traballadores.
Esta xornada enmárcase dentro do plan de actuación do ISSGA do ano 2023 na súa aposta pola promoción da prevención de riscos laborais. O ISSGA desenvolve desde a súa creación diferentes actuacións dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas como é o caso da sensibilización fronte á exposición á radiación solar e ás altas temperaturas nos espazos de traballo.