A Xunta apoiará a celebración do Día da Ilustración 2024 que homenaxeará a Chichi Campos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaProvincias
A-
A+
Anxo Lorenzo na reunión coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Anxo Lorenzo na reunión coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse coa presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Laura Romero, para comezar a coordinar as actividades do Día da Ilustración 2024, que homenaxeará a Xesús Campos, coñecido como Chichi Campos.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades avanzou na reunión -na que tamén participaron directivos da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense e da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo- que a Xunta de Galicia traballará na posta en marcha dunha exposición que poderá verse na Biblioteca de Galicia e que contará con fondos propios das coleccións e legados do propio centro.

Tamén se acordou coas escolas de ensinanzas artísticas a realización dunha mostra itinerante polos tres centros. Ademais, encargarase a un profesional da ilustración o cartel conmemorativo e porase en marcha unha páxina web que visibilice a figura e obra de Chichi Campos. Pola súa banda, desde a Asociación coordinarán unha serie de charlas-obradoiro en cada un dos centros de formación artística.

Figura pioneira e mestre do humor gráfico

Á hora de seleccionar ao autor, a Asociación tivo en conta o “carácter pioneiro” da súa figura no eido da banda deseñada. Tamén está considerado como “mestre do humor gráfico”. Nacido en Tenerife en 1952 e finado en Santiago de Compostela en 1991, foi un autor polifacético, debuxante, humorista, guionista de programas de televisión e profesional da xestión cultural.

O Día da Ilustración conmemórase cada 30 de xaneiro en Galicia desde o ano 2013, cando se incluíu no Calendario do Libro e da Lectura de Galicia e, desde o ano 2017, a Xunta impulsa xunto á Asociación Galega de Profesionais da Ilustración o recoñecemento dun autor relevante. Deste xeito, Chichi Campos súmase á lista de homenaxeados nos últimos anos, entre os que estiveron, Castelo, María Antonia Dans, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernandes Mazas ou Lolita Díaz Baliño.

10 de xullo de 2023 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.