SERGAS e FADEMGA renovan o compromiso coa promoción da saúde mental coas persoas con discapacidade intelectual
O Conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, e o presidente de FADEMGA, Eladio Fernández-Pérez, asinaron esta mañá en San Lázaro un convenio de colaboración entre o Servicio entre o Servizo Galego de Saúde e a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia), para a realización de actividades de sensibilización, mellora da comunicación e promoción da saúde mental coas persoas con discapacidade intelectual no Sistema Sanitario Público de Galicia
FADEMGA conta con 40 entidades galegas federadas que prestan servizo a 4.409 persoas con discapacidade intelectual. O convenio asinado esta maña é o terceiro e inclúe as seguintes actividades:
O programa Aténdeme-Enténdeme, unha inciativa de Avaliación da Accesibilidade Cognitiva en Entornos, que consiste en realizar visitas programadas aos centros de saúde dunha selección de persoas con discapacidade intelectual acompañadas dun familiar e un profesional da entidade FADEMGA Plena inclusión Galicia. Durante as visitas transmiten aos membros dos equipos de Atención Primaria as súas necesidades e características propias así como algunhas ferramentas para mellorar a calidade da atención.
Traslado de información ao Servizo Galego de Saúde sobre as visitas aos centros de saúde e/ou hospitais para as actividades do programa Aténdeme-Enténdeme e informes sobre as barreiras detectadas e as posibles opcións de mellora.
Realización dun proceso de acompañamento aos equipos multidisciplinares do proxecto “Con bos apoios”, para implementar accións de coordinación e colaboración socio-sanitaria e transferir e xeneralizar o aprendizaxe a outras áreas sanitarias.
Este convenio de colaboración non establece obrigas ou compromisos de carácter económico entre as partes asinantes e, en consecuencia, non precisa consignación orzamentaria.
Tamén asistiron ao acto da sinatura, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; a Subdirectora xeral de Atención Primaria, Sinda Blanco; a Xefa de Servizo de Saúde Mental, María Tajes; e a técnica da federación responsable do programa de saúde mental, Pilar Villaverde Souto.