publicidade hoxe

Rueda pon en valor o labor das forzas policiais para que Galicia siga a ser unha comunidade segura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+
Intervención do presidente galego na asamblea

Intervención do presidente galego na asamblea

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o labor das forzas policiais para que Galicia siga a ser unha comunidade segura. O titular do Goberno galego participou hoxe na apertura da Asemblea Anual do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, co que coincidiu á hora de reclamar máis medios e máis número de axentes, porque “é o que necesitan e merecen”, defendeu.

Alfonso Rueda -acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva- agradeceu a profesionalidade dos axentes e tamén a súa vocación, ao tratarse dun actividade que exixe unha entrega que non sabe de horarios nin de festivos.

Por estes motivos, trasladou a “admiración” que suscita no Goberno galego este corpo de seguridade. “Fronte a outros modelos aos que Galicia podería optar -en consideración á súa categoría de Nacionalidade histórica, ao seu Estatuto e ás leis- o intelixente é seguir orgullecéndose da Policía Nacional adscrita á Xunta”, enxalzou Rueda.

O presidente do Goberno galego indicou que, en consonancia coa entrega deste corpo de seguridade, as Administracións están na obriga de dotar “coa potencia suficiente” ás unidades policiais dos medios e de persoal que precisan para levar a cabo o seu labor.

Nese contexto reiterou o seu compromiso coa dotación da Unidade da Policía Autonómica, se ben recordou que é o Goberno central o que ten que completar o seu cadro de persoal, que ten un déficit dun 28,4 %, con 358 funcionarios dun catálogo “innegociable” de 500 policías. “Témolo reclamado e seguiremos facéndoo porque é necesario”, insistiu.
Pola contra, considerou o Goberno galego cumpriu coas súas obrigacións con respecto á dotación de medios que precisa a Policía Nacional que opera en Galicia e comprometeuse a seguir atendendo as suxestións e as reclamacións dos representantes policiais.

Finalmente, o mandatario galego quixo personalizar nas figuras condecoradas polo SUP o seu recoñecemento á Policía Nacional e aos corpos e forzas de seguridade que exercen o seu labor en beneficio da Comunidade. No acto foron distinguidos Francisco Fernández Núñez e Miguel Ángel Gallego como representantes do sindicato policial, pero tamén o xornalista Ramón Castro e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

8 de xuño de 2023 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.