publicidade hoxe

Os socios do proxecto europeo GIFT, liderado por Galicia, comezan a traballar co reto de establecer medidas para avanzar na infraestrutura verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Os 10 socios do proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees) mantiveron hoxe a súa primeira reunión de traballo para empezar a avanzar xuntos e de forma coordinada nos principais obxectivos desta iniciativa, liderada por Galicia e que nos vindeiros 4 anos buscará establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde, concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, foi a encargada de abrir esta mañá a primeira das tres xornadas nas que se dividirá esta reunión de inicio de proxecto entre todas as entidades europeas participantes, unha convocatoria que se enmarca tamén na Semana por unha Galicia sostible organizada pola Consellería para conmemorar con diversos actos e iniciativas o Día mundial do medio ambiente.

Neste sentido, a responsable autonómica lembrou que a Comisión Europea seleccionou para liderar o GIFT á Xunta de Galicia, que delegou no Instituto de Estudos do Territorio (IET) a función de deseñar unha metodoloxía común a todos os socios para, entre outras cuestións, incorporar a infraestrutura verde na ordenación do territorio como mellora estratéxica noutros instrumentos das políticas sectoriais.

A maiores, tamén se fixará como obxectivo revitalizar árbores e bosques, elementos que definen especialmente a Galicia, como ferramenta natural para a mitigación e á adaptación ao cambio climático e para a conservación dos ecosistemas.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente de fondos Feder e o 20% restante achegado pola Xunta—, a conselleira indicou que a iniciativa porá especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.

No proxecto, ademais da Xunta, participan outras 9 entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Cómpre subliñar que este programa de cooperación interrexional fomenta a política de cohesión, facilitando así o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios.

Deste xeito, o carácter innovador do GIFT, que se prevé desenvolver ao longo dos vindeiros catro anos, reside no seu enfoque integrado coas políticas sectoriais co que se pretende abordar a infraestrutura verde fronte ao cambio climático, a súa conectividade e as medidas de recuperación da biodiversidade.

Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou que aínda que o cambio climático é “un reto global”, son as accións locais e a colaboración a nivel rexional como esta as que deben “trazar o camiño” a seguir.

6 de xuño de 2023 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.