publicidade hoxe

O DOG publica a resolución para acceder aos 60 contratos estables de tres anos, destinados ao persoal residente que remata a súa formación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o primeiro Programa temporal para a transición xeracional do persoal facultativo das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, no que se inclúe a oferta de 60 contratos estables -de tres anos de duración-, destinados ao persoal residente que este ano remata a súa formación sanitaria especializada.

Con este novidoso programa garántase a remuda xeracional dos médicos especialistas nos hospitais galegos, xa que estes novos contratos serán repartidos en 23 especialidades e nas sete áreas sanitarias.

Destes 60 contratos, 9 terán como destino a área sanitaria da Coruña e Cee; 7 a área de Ferrol; 9 a de Santiago de Compostela e Barbanza; 9 a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 9 a de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras; 8 a de Pontevedra e O Salnés, e 9 a área sanitaria de Vigo

Nos vindeiros 5 anos cumprirán a idade máxima de prórroga de idade de xubilación (70 anos) un termo medio de 60 profesionais anuais, facultativos e facultativas especialistas nos hospitais do Servizo Galego de Saúde, que supoñen cerca do 6 % do persoal facultativo especialista hospitalario que está a traballar actualmente.

Esta oferta ao persoal residente en formación de ámbito hospitalario completase coa oferta de 197 prazas de concurso de méritos de especialistas para cobertura de hospitais comarcais, e tamén de saúde mental, mediante convocatoria de concurso de méritos que se publicou o pasado 26 de Maio no DOG.

Nestes días, rematan a súa formación máis de 200 profesionais de diversas especialidades hospitalarias, polo que, coa oferta de 257 contratos estables, garántese a continuidade dos servizos asistenciais nas áreas sanitarias de Galicia na gran maioría das especialidades.

O prazo de presentación de solicitudes en FIDES é do 6 ao 12 de xuño de 2023. Estará habilitada a solicitude para o persoal residente en formación nos centros sanitarios do sistema público de saúde de Galicia e que rematan o seu período formativo este ano nas 23 especialidades indicadas no ANEXO I da Resolución.

Se o número de residentes interesados por especialidade e área supera os contratos ofertados por área, se contempla un baremo simplificado no que se valorarán as cualificacións da formación universitaria, o coñecemento do idioma galego e á avaliación final do período de residencia, dando relevancia a avaliación da formación especializada. Tamén primarase a decisión de continuar traballando na área sanitaria na que ata agora se traballaba como persoal residente e se acadou a especialidade, como forma de impulsar e garantir a continuidade asistencial no centro formativo, onde xa prestaban servizos .

Un Programa que terá continuidade en vindeiros anos

O programa inicial de remuda xeracional correspondente ao presente ano,mais logo da súa avaliación, virá seguido no 2024 e anos posteriores de programas semellantes dirixidos a promover a pretendida remuda xeracional e a continuidade asistencial nas áreas que contan con persoal especializado.

Estes contratos serán compatibles co sistema ordinario de cobertura de vacantes por listas, que seguirá funcionando igual para chamar a profesionais ante baixas por xubilación ou outras cuestións.

Con este plan ábrese a posibilidade de reter a profesionais para necesidades futuras así como mellorar ratios poboacionais de médicos/as en especialidades con mais dificultades de cobertura.

Finalmente, cómpre recordar que este programa temporal para a transición xeracional, pola súa finalidade, enténdese sen prexuízo da xestión de chamamentos e a orde de prelación que resulten, para as vacantes ou ben outro tipo de nomeamentos temporais das áreas sanitarias, do sistema de listas regulado polo pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 18 de decembro de 2018); listas nas que obviamente deberá inscribirse o novo persoal especialista para acadar a condición de aspirante a ditos nomeamentos, incluído aquel que solicite a súa participación no programa temporal autorizado nesta resolución.

Galicia dótase dun valioso instrumento de recursos humanos para reter especialistas, e trasladar o coñecemento e habilidades clínicas do persoal máis antigo. Ademais, facilitase o relevo a través da concorrencia do persoal que se vai xubilar e o novo, adoptando unha medida innovadora para paliar o déficit ou escaseza de profesionais derivada do potencial numero elevado de profesionais que poden xubilarse nos próximos 5 anos, ao superar os 66 anos de idade.

5 de xuño de 2023 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.