A Xunta valora o traballo dos axentes ambientais no seguimento e avaliación de danos por lobo
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, puxo hoxe en valor o traballo dos axentes ambientais no seguimento e avaliación de danos por lobo para acadar o obxectivo de compatibilizar unha poboación estable desta especie e a viabilidade económica das explotacións agropecuarias.
Durante a súa intervención nas xornadas técnicas sobre a inspección de danos de lobo á gandería, nas que participará Luis Llaneza, técnico experto que colaborou coa Xunta na actualización do último censo desta especie na Comunidade, Do Campo incidiu na importancia da labor investigadora que desenvolven os axentes ambientais ao valorar in situ os feitos como inicio do procedemento para a posible concesión de axudas polos prexuízos sufridos.
Nesa liña, as xornadas, que teñen lugar hoxe e mañá na EGAP e na que participan máis dun cento de axentes ambientais e persoal técnico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ten como obxectivo actualizar a formación xa impartida en anteriores ocasións sobre a comprobación dos danos ocasionados.
Ademais, tamén se pretende facilitar un intercambio de experiencias e problemas detectados de cara a optimizar o desenvolvemento destas tarefas de campo e as posteriores comisións de valoración, que, segundo lembrou a directora xeral, son as encargadas de avaliar os danos comunicados e as solicitudes de compensación.