publicidade hoxe

A Xunta publica a orde de convocatoria para que as escolas infantís de iniciativa social e as privadas se adhiran á gratuidade no curso 2023/2024

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe orde de convocatoria polo que se achega un investimento de máis de 41 millóns de euros para que as escolas infantís de iniciativa social e as privadas apliquen a gratuidade na atención educativa de 0 a 3 anos no próximo curso 2023/2024.

Esta convocatoria, de igual xeito que as anteriores, financiará a medida un máximo de once meses por curso. Ademais, ten crédito ampliable e achega facilidades para a planificación das escolas grazas a diversos anticipos.

Anticipos

Neste sentido, conta con tres anticipos da axuda que permitirán aos centros ter liquidez. O primeiro anticipo realizarase antes de que comece o curso e será do 100 % da axuda correspondente ao período de setembro a decembro deste ano.

Os outros dous anticipos faranse o vindeiro ano. Un 45 % da axuda de 2024 realizarase a comezos do exercicio, para o período de xaneiro a marzo; e un segundo anticipo será doutro 45 % en abril e corresponderá aos meses de abril a xullo. Ao final do curso entregarase o 10 % restante do importe de 2024 xa tendo en conta o número de real nenos matriculados e co fin de regular calquera desaxuste.

A gratuidade nas escolas infantís, da que se benefician máis de 31.000 familias, deseñouse de xeito que as nais e pais non teñan que realizar ningún tipo de papelame a maiores, xa que todas as xestións realízanse entre a Xunta de Galicia e o propio centro.

Por outra banda, cómpre recordar que está aberto ata o 14 de xuño o prazo de matriculación para as nenas e nenos de 0 a 3 anos que foron admitidos nas escolas infantís da rede pública autonómica.

5 de xuño de 2023 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.