publicidade hoxe

A Xunta pídelle ao goberno que tome conciencia da grave situación da A-6 un ano despois do colapso e acceda á reconstrución simultánea de ambos os viadutos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez con representantes do sector do transporte de mercadorías

Ethel Vázquez con representantes do sector do transporte de mercadorías

A Xunta pediulle hoxe ao Goberno de España que tome conciencia da grave situación da A-6 un ano despois do colapso e acceda á reconstrución simultánea de ambos os dous viadutos da autovía.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, trasladouse hoxe con representantes do sector do transporte de mercadorías a antiga N-VI, no núcleo do Castro, para chamar, unha vez máis, a atención sobre a situación da autovía, que mañá cumprirá un ano desde o colapso do viaduto do Castro, manténdose desde entón pechada á altura de Pedrafita.

Neste encontro participaron os presidentes de Fegatramer e Tradime, Ramón Alonso e José Fernández, respectivamente; e distintos representantes do sector, como a presidenta de Acotrades A Coruña, Lucía Loureiro; o presidente da Asociación do Transporte do Carbón das Pontes, Manuel Bouza Bouza; ou o secretario de Tradime, Jesús Antonio Suárez Oliver, entre outros.

Vázquez Mourelle trasladoulles que hoxe mesmo, desde a Xunta pedíuselle por carta novamente ao Ministerio de Transportes que tome conciencia da situación da A-6, que mude o seu posicionamento e acceda á execución como emerxencia e de xeito simultáneo de ambos os 2 viadutos para que Galicia vexa restituído o tráfico completo o antes posible.

Incidiu que a negativa do Goberno de España a rectificar o seu plan de reconstrución está causando enormes prexuízos en termos de loxística, de competitividade e poñendo en risco a seguridade viaria de miles de usuarios que cada día teñen que empregar o desvío alternativo habilitado; un desvío, dixo, que non é eficaz nin cumpre as condicións necesarias.

Segundo indicou a titular da Infraestruturas, a Xunta pediu ao Goberno de España que recapacite e mude a súa decisión, para evitar un novo agravio e un dano irreparable aos galegos. Do contrario, subliñou, a teimosía do Goberno de España abocará a que os galegos sigan a ter durante moitos anos unicamente media autovía, demorando a solución definitiva quizais ata 2028.

A conselleira expresou a gran preocupación pola situación da autovía, unha das principais arterias de comunicación do territorio coa Meseta.

Lembrou que antes de colapsar o viaduto do Castro, a vía xa levaba pechada un ano polas obras de emerxencia que estaba a acometer o Ministerio cun investimento de 26 millóns de euros.

Tamén apuntou aos problemas no transporte de mercadorías, ao ser o principal afectado polo peche desta autovía troncal, que ten graves consecuencias tanto en termos de seguridade viaria, como de loxística e de competitividade.

Ethel Vázquez referiuse ao enorme volume de tráfico que soporta todos os días esta arteria de comunicación, gran parte del pesado, que agora mesmo, e desde hai demasiado tempo xa, cando chega a Pedrafita se atopa cun embudo e coa obriga de circular por un desvío alternativo que non é eficaz nin reúne as condicións necesarias.

Incidiu en que nos últimos meses se rexistraron xa varios accidentes por ese transvase de tráfico cara a nacional. O último produciuse a finais de maio, entre dous camións, e obrigou a cortar o desvío alternativo, provocando importantes atascos e retencións que bloquearon a entrada a Galicia durante horas.

Ante esta situación, tanto a Xunta como os transportistas pregúntanse que máis ten que pasar para que o Goberno de España reaccione e tome este asunto en serio.

A titular de Infraestruturas defendeu que o transporte de mercadorías precisa dunha alternativa de mobilidade eficaz e segura, tendo en conta, ademais, que a situación se verá agravada no inverno, visto o ritmo de avance nas obras de reconstrución.

Tal e como se están a desenvolver os traballos, non parece viable que ese 1º viaduto poida estar rematado en 2023, como se dixo. Do mesmo xeito, tampouco semella posible que o viaduto sentido A Coruña poida estar rematado en 2024, ao rexeitar o Goberno central, como así ratificou hai tan só uns días a ministra de Transportes, executalo por emerxencia e de xeito simultáneo.

Ethel Vázquez dixo que a Xunta e os transportistas non poden compartir nin comprender como a estas alturas o Goberno de España segue a rexeitar a execución conxunta e por emerxencia dos 2 viadutos, como se lle vén pedindo desde o Goberno galego. Este modo de reconstrución tamén é o que reclama a Cámara autonómica e comparten os sectores sociais, económicos e empresariais, posto que permitiría a restitución completa do tráfico da A-6 no menor tempo posible.

O caso da A-6 en Pedrafita reúne claramente os requisitos para unha declaración completa de emerxencia: porque a día de hoxe ese treito da autovía é un ‘colo de botella’ con falta de seguridade e os novos viadutos teranse que executar nunha ladeira con pendente pronunciada o que implica que os riscos xeotécnicos dunha execución “diferida” do segundo viaduto poden ser maiores.

A conselleira concluíu incidindo que a Xunta e o transporte de mercadorías están seguros de que ten que haber unha rectificación dos plans do Ministerio e por iso seguen a reclamar que así sexa.

6 de xuño de 2023 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.