publicidade hoxe

A Xunta lanza o proxecto europeo Navegando o Futuro para incentivar as vocacións tecnolóxicas e impulsar a innovación no sector naval

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia Galega de Innovación, a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, xunto coa Asociación Clúster Naval Galego (Aclunaga) e o portugués Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalmecánica (CATIM), vén de poñer en marcha Navegando o Futuro, un proxecto europeo para consolidar a transición tecnolóxica e promover a innovación no sector naval da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O obxectivo é atraer novos talentos, así como a capacitación de mandos intermedios para a adquisición de tecnoloxías avanzadas que contribúan a transformar o tecido empresarial naval.

Neste sentido, organizaranse distintas accións: sesións divulgativas para estudantes, dous bootcamps e un evento dirixido a tecnólogos, startups e empresas tecnolóxicas sobre solucións accesibles para pemes do sector. Mañá venres, no CIS Tecnoloxía e Deseño, comezará a primeira das oito xornadas learning by doing dirixidas a estudantes de centros de formación profesional e de educación superior e coas que se busca sumar novas vocacións tecnolóxicas ao sector para garantir a remuda xeracional.

Nestes cursos coñecerán de preto os demostradores desenvolvidos no proxecto “Manufactur 4.0” para achegarse dunha forma práctica ás tecnoloxías que marcarán o futuro do naval. En concreto, os participantes poderán coñecer o uso e aplicación da realidade virtual e aumentada, do control dimensional sen contacto e da fábrica virtual.

Navegando o Futuro contempla tamén o desenvolvemento de dous bootcamps, que terán lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño e na sede de Oporto do CATIM. Están destinados a mandos intermedios de pemes do naval para dotalos de competencias de cara á adopción de decisións de compra sobre tecnoloxías complexas.

O proxecto, financiado por fondos Feder no marco do programa POCTEP 2014-2020, concluirá cun hackathon no que tecnólogos, startups e microempresas tecnolóxicas propoñerán solucións para facer accesibles as tecnoloxías 4.0 ás pemes da industria naval con menores recursos financeiros e humanos.

1 de xuño de 2023 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.