publicidade hoxe

A Xunta inviste 900.000€ para apoiar ás Anpas galegas na posta en marcha de programas de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas a iniciativa de asociacións de nais e pais de Galicia (Anpas) e tamén de federacións e confederacións de asociacións de nais e pais. Nesta mesma orde inclúese este ano tamén o financiamento destinado a apoiar os programas que realicen estas entidades e que estean destinados a favovecer a conciliación corresponsable. Os apoios poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 10 de xullo.

O programa, cun investimento de 900.000 euros, inclúe, polo tanto, dúas liñas de apoio: para as iniciativas de igualdade e de loita contra a violencia machista (400.000 euros) e para as actuacións encamiñadas a facilitar a conciliación (500.000).

Os apoios para as accións de igualdade de prevención da violencia de xénero forman parte do Pacto de Estado. Neste caso, cada solicitude poderá recibir un máximo de 3.000 euros se é de carácter individual; ou de 6.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por federacións ou confederacións de Anpas. As diferentes actuacións, para recibir as axudas, teñen que estar realizadas entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023. O pasado ano recibiron estes apoios un total de 134 entidades.

O Goberno galego quere contribuír con este programa á formación, sensibilización e información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando ás fillas e fillos, ao alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero. O obxectivo da convocatoria consiste en atender a demanda de cantas máis entidades mellor.

Ao abeiro desta orde poden financiarse, polo tanto, programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa en xeral. Entre as actuacións concretas, apóiase a celebración de escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade; obradoiros de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero e a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos.

Tamén a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías (especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos como stalking, sexting ou grooming) e sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que permitan avanzar na eliminación dos estereotipos e dean pautas para previr a violencia de xénero e sobre como actuar ante casos de agresións.

A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.

Conciliación

O Goberno galego, doutra banda, promoverá coa segunda liña de axudas deste programa, dotada con 500.00 euros, o desenvolvemento de servizos de conciliación baseados nos coidados profesionais, que se prestarán en dependencias públicas e a domicilio, polo que contribuirá tamén á creación de postos neste sector. Do que se trata é de facilitar a corresponsabilidade e a conciliación das familias galegas con fillas e fillos de ata 16 anos (inclusive) mediante bolsas de coidado profesional.

No marco da convocatoria, outorgarase financiación, polo tanto, para a posta en marcha dos servizos de coidado que presten as entidades, tanto no domicilio como en dependencias públicas (ludotecas, polideportivos, multiusos, entre outros), así como para o desenvolvemento de plans de sensibilización e formación en materia de corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias. As diferentes actuacións teñen que estar realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2023.

Coas axudas, de ata 20.000 euros como máximo, financiaranse a través do Plan Corresponsables, entre outros, os gastos directos da contratación do persoal -incluíndo a contratación mercantil ou externa da prestación destes servizos- así como outros de tipo corrente nos que incorran as entidades para desenvolver as actuacións, a difusión e información, así como a edición de materiais didácticos. O pasado ano beneficiráonse destes apoios 44 entidades.

8 de xuño de 2023 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.