publicidade hoxe

A Xunta incoa o expediente de declaración como ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a festa do Corpus Christi de Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPonteareasPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que inicia o proceso para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial o Corpus Christi de Ponteareas. Á hora de incoar o expediente -que supón a súa protección patrimonial inmediata- os técnicos da Xunta de Galicia tiveron en conta tanto a festividade como os rituais, cerimonias e técnicas artesanais tradicionais asociadas a ela.

En concreto, a documentación conclúe que o Corpus Christi de Ponteareas constitúe un ritual festivo recoñecido polo seu uso social e cerimonial cunha alta pegada de coñecementos populares sobre a natureza, os elementos naturais e os ciclos do campo. Valórase a confección dun conxunto artístico dotado de variadas representacións e símbolos, cunha significación cultural “que supera o ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular e as súas manifestacións”.

Refírese tamén ao elevado coñecemento e desenvolvemento de técnicas artesanais tradicionais. En concreto, menciónase o proceso de creación do conxunto ornamental, alfombras florais, cruceiros vexetais ou altares que conforman todo un conxunto de “arquitecturas efémeras, que vinculan á vila e á súa veciñanza con sistemas e costumes tradicionais”, e destacan por unha “extraordinaria recreación ornamental e estética que proporciona aos elementos unha gran riqueza e colorido”.

Funcións sociais e vínculo da veciñanza

O expediente tamén valora que a festividade do Corpus, e todo o conxunto de actos desenvolvidos ao seu redor, ten unhas funcións sociais moi destacables, como a de lograr a integración dos participantes e da veciñanza da vila. Refírese tamén ao seu potencial como activo económico de base cultural e salienta o sistema de organización e de integración social en círculos de relacións persoais e grupais da veciñanza, “e a orgullosa recepción e benvida de visitantes”. Neste sentido, nos últimos anos téñense artellado diferentes actividades para que os visitantes poidan participar dun xeito máis activo, como nas recollidas e colocación dos materias florais e vexetais.

21 de xuño de 2023 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.