publicidade hoxe

A Xunta asina o convenio para asumir a titularidade da AC-12 e facilitar os accesos ao novo hospital público da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta asinou o convenio para asumir a titularidade da AC-12 e facilitar os accesos ao novo hospital público da Coruña.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou hoxe de xeito telemático o acordo para transferir a prol da Xunta o tramo da vía estatal AC-12 entre os puntos quilométricos 1+600, na intersección da avenida de Oza coa vía de servizo, e 4+160, pasado o enlace na Ponte Pasaxe, acordo pendente agora da firma por parte da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O cambio de titularidade será efectivo a partir da formalización da acta de entrega correspondente, que se subscribirá nun prazo máximo de 15 días, a contar desde a entrada en vigor do Real Decreto polo que se aproban as cesións.

A Xunta, tras propoñer ao Ministerio ata 20 alternativas das que non se conseguiu o seu informe favorable, aceptou asumir a titularidade da AC-12 para desbloquear a actuación e poder dotar ao Novo CHUAC duns accesos eficientes.

O Consello da Xunta aprobou definitivamente a semana pasada o proxecto de trazado dos accesos ao Novo CHUAC.

A previsión é que este mesmo mes se liciten conxuntamente a redacción do proxecto construtivo e a execución das obras, que suporán un investimento de máis de 24 M€

A actuación comprende o anel de circulación ao redor do Novo CHUAC e a configuración das entradas ao complexo, garantindo o tránsito durante as obras.

O trazado recolle a construción dunha nova ligazón sobre a AC-12, cuxa titularidade vén de aceptar a Xunta, para mellorar os accesos. Trátase dun enlace de tipo trompeta, similar ao existente.

Así mesmo, prevese un anel perimetral que rodeará o Novo CHUAC, ata a intersección coa rúa Curramontes con Castiñeiro de Eirís, con posibilidade de acceso ao aparcadoiro e ao CHUAC polo viario existente. Incluirá un viaduto para reducir a afección, ademais de evitar calquera afeccións ao pazo Guyatt.

Habilitarase un aparcadoiro provisional ao oeste da rúa Curramontes e un acceso de saída cara á AC-10 que estará operativo durante as obras. Estes novos viarios permitirán manter os servizos actuais do hospital sen afección ao tráfico, así como habilitar os viarios necesarios para a construción do Novo CHUAC.

O deseño dos novos enlaces evita a afectación a vivendas e reduce as expropiacións a 18 predios. A superficie de expropiación definitiva acada os 19.074 m², dos que 14.360 m² serán de ocupación definitiva, sen que afecte a ningunha vivenda, e os restantes 4.714 m² de ocupación temporal.

O trazado dos accesos adaptouse para reducir ao máximo o impacto na contorna e mellorar a súa integración no conxunto arquitectónico, atendendo así ás inquedanzas da veciñanza. Ademais, conta coa declaración de impacto ambiental simplificada, garantindo ao máximo a integración e a funcionalidade, co menor impacto visual e integrado na trama urbana da cidade.

A complexidade e detalle da actuación proxectada pola Xunta amósase tamén nos trazados e nas estruturas que se van executar.

Con respecto ao trazado, destacan os 21 eixes distintos, desde os principais ata pequenos ramais ou encontros; e a nova glorieta, que contará cun diámetro exterior de 41 metros. Ademais coordínanse cos 5 viarios existentes cos que entronca, así como cos 5 eixes adicionais que se executarán adicionalmente co Novo CHUAC para completar a configuración final. A lonxitude de vías é de 4,09 km, que chegarán a 5,76 km co Novo CHUAC completo.

Na intervención proxectada inclúense, ademais, 6 estruturas viarias, que suman 601,5 metros de lonxitude e inclúen: o novo paso superior da AC-12, de 158,8 metros de lonxitude, xunto a unha beirarrúa, ademais da sección para vehículos; o viaduto principal do anel, cunha lonxitude de 157,5 m; e 4 estruturas máis na ligazón da AC-12 no lado do CHUAC, incluíndo 3 pontes ou viadutos, e un paso inferior.

A Xunta xa iniciou tamén o trámite de información pública do proxecto de interese autonómico do Novo CHUAC. Trátase do instrumento urbanístico de ordenación do solo preciso para acometer as obras de urbanización e edificación, incluídos os accesos desde as principais vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario situado nas Xubias e espazo previsto para a reubicación de vivendas afectadas.

Ademais traballa coa previsión de licitar, tamén neste mes de xuño, a demolición do Hotel do Doente e a construción da Torre Polivalente.

O Goberno galego continúa avanzando no impulso do Novo CHUAC, cun investimento autonómico de máis de 500 M€ e que atenderá máis de 550.000 pacientes da área sanitaria da Coruña e Cee durante as vindeiras décadas.

8 de xuño de 2023 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.