publicidade hoxe

A Xunta aproba o proxecto de trazado dos accesos ao novo Hospital público da Coruña, que suporán un investimento de máis de 24 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe definitivamente “o proxecto de trazado dos accesos ao novo Hospital Público da Coruña”, que suporán un investimento de máis de 24 millóns de euros. “A previsión é contratar conxuntamente a redacción do proxecto construtivo e de execución das obras neste mesmo mes”, indicou o presidente que, explicou que as actuacións terán unha duración de “dous anos”.

Rueda lembrou que o Novo Chuac “supón o investimento máis ambicioso que se fixo nunca en materia sanitaria” en Galicia. O presidente lembrou que a Xunta vai destinar máis de 500 millóns de euros a construción do novo hospital público da Coruña. Ademáis, resaltou que a Xunta “asume íntegramente o custo de expropiacións de terreos” -é dicir, uns 17 millóns de euros- e comparte co Concello da Coruña os custos das obras dos accesos.

Entre as principais actuacións, as obras van implicar un anel de circulación ao redor do Novo Chuac así como a configuración das entradas ao hospital. Rueda salientou que as obras están deseñadas para “garantir o tránsito pola zona durante os 24 meses de execución” e “vaise habilitar un aparcadoiro provisional”.

O acordo adoptado hoxe polo Goberno galego inclúe a aprobación do trámite de información pública e do informe das administracións afectadas polo proxecto. Ademais, coa aprobación definitiva do trazado dos accesos autorízase, tamén, a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos predios necesarios para levar a cabo esta actuación.

O deseño dos novos enlaces reduce as expropiacións a 18 predios. A superficie de expropiación definitiva acadará os 19.074 m², dos cales 14.360 m² serán de ocupación definitiva, sen que afecte a ningunha vivenda, e os restantes 4.714 m² de ocupación temporal.

O procedemento expropiatorio levarase a cabo no segundo semestre do ano, coas convocatorias para levantamento de actas previas e actas de ocupación.

Mínimo impacto e máxima integración

Rueda resaltou que o trazado “fíxose reducindo ao máximo o impacto na contorna”. Nesta liña, destacou que a construción dos novos accesos “non afecta a ningunha vivenda” e “contan coa declaración de impacto ambiental simplificada” que garante o menor impacto visual e a integración no conxunto arquitectónico.

En concreto, o trazado autorizado hoxe no Consello da Xunta recolle a construción dunha nova ligazón sobre a AC-12, cuxa titularidade solicitou a Xunta ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para mellorar así os accesos, en fase de remate da súa tramitación. Trátase dun enlace de tipo trompeta, similar ao existente.

Como resultado da información pública, modificouse o modo de executar as obras na parte máis próxima ás Xubias, de modo que se evita calquera afección ao pazo Guyatt, ao seu predio e ao peche perimetral.

Así mesmo, prevese un anel perimetral que rodeará o Novo CHUAC, ata a intersección coa rúa Curramontes con Castiñeiro de Eirís, con posibilidade de acceso ao aparcadoiro e ao CHUAC polo viario existente.

Habilitarase un aparcadoiro provisional ao oeste da rúa Curramontes e un acceso de saída cara á AC-10 que estará operativo durante as obras. Estes novos viarios permitirán manter os servizos actuais do hospital sen afección ao tráfico, así como habilitar os viarios necesarios para a construción do Novo CHUAC.

A complexidade e detalle da actuación proxectada pola Xunta amósase tamén nos trazados e nas estruturas que se van executar.

Con respecto ao trazado, destacan os 21 eixes distintos, desde os principais ata pequenos ramais ou encontros, e a nova glorieta, que contará cun diámetro exterior de 41 metros. Ademais, coordínanse cos 5 viarios existentes cos que entronca, así como cos 5 eixes adicionais que se executarán adicionalmente co Novo CHUAC para completar a configuración final. A lonxitude de vías que se inclúen neste proxecto é de 4,09 km, que chegarán a 5,76 km co Novo CHUAC completo.

Na intervención proxectada inclúense, ademais, 6 estruturas viarias, que suman 601,5 metros de lonxitude e inclúen: o novo paso superior da AC-12, de 158,8 metros de lonxitude, xunto a unha beirarrúa, ademais da sección para vehículos; o viaduto principal do anel, cunha lonxitude de 157,5 m; e 4 estruturas máis na ligazón da AC-12 no lado do CHUAC, incluíndo 3 pontes ou viadutos, e un paso inferior.

Cómpre destacar o traballo da Xunta no impulso deste proxecto, así como a capacidade de concertación da solución co Concello da Coruña, o compromiso de asumir a titularidade da AC-12, ter conseguido xa o informe favorable de todas as administracións, así como ter coordinados todos os proxectos e a programación da obra viaria e de accesos.

O Goberno galego deulle o seu visto e prace á actuación tras acadarse o pasado mes de marzo o acordo co Concello da Coruña para desbloquear o convenio sobre o Novo CHUAC, logo de que a Xunta puxese enriba da mesa propostas viables e eficientes. Co acordo acadado, o Concello xa non se fará cargo da expropiación do CHUAC, senón que financiará o viario e os accesos, dos cales tamén asumirá a súa titularidade. Esta decisión, xunto cun plan de pagamentos flexible para a achega municipal, propiciou o desbloqueo do convenio que esta mesma semana foi asinado por Xunta e Concello.

O pasado venres a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia o inicio da información pública do proxecto de interese autonómico do Novo CHUAC, establecendo o prazo dun mes para que os interesados poidan presentar achegas. Trátase do instrumento de ordenación urbanística do solo necesario para a construción do novo hospital público da Coruña, incluíndo as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade e o novo edificio hospitalario nas Xubias, ademais do espazo previsto para a relocalización de vivendas afectadas.

Ademais, tal e como resaltou Rueda, Xunta traballa coa previsión de licitar, tamén en xuño, “a demolición do Hotel do Doente e a construción da Torre Polivalente”, é dicir, “do primeiro edificio da fase 1 do Novo Chuac”. O presidente lembrou ademais os avances na “case finalizada” fase cero. Nesta liña salientou que xa está en marcha o novo hospital de día de Oncoloxía e a nova unidade de hospitalización, que o hospital de día de Hematoloxía comezará a funcionar antes do verán e progresivamente tamén poñerase en marcha as zonas renovadas de Urxencias, UCI e Farmacia.

1 de xuño de 2023 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.