A aplicación para reducir as interaccións con candorcas na navegación rexistra 150 avistamentos en medio ano de funcionamento
A aplicación móbil Orcinus, impulsada polo Goberno galego xunto co Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove para apoiar a seguridade na navegación e reducir as interaccións coas candorcas rexistrou 150 avistamentos destes animais en apenas medio ano de funcionamento. Así o detallou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, hoxe en Muros, onde deu conta dos resultados desta ferramenta na primeira metade deste ano e que son froito do seguimento realizado por BDRI, entidade encargada de desenvolvela e xestionala.
A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e polos representantes das asociacións náuticas Asnauga, Marinas de Galicia e Northmarinas, explicou que se rexistraron na aplicación máis de 2.700 usuarios pertencentes a preto de 40 países diferentes. Ao mesmo tempo salientou que todas estas xeolocalizacións das candorcas trasladadas polos navegantes se sitúan ao sur de Lisboa.
Isto débese á propia dinámica de movemento das colonias destes cetáceos, que nos meses de inverno se sitúan en zonas máis próximas ao Estreito de Xibraltar pola procura de alimento e non adoitan desprazarse á costa de Galicia ata os meses estivais, como ocorreu cos avistamentos e interaccións rexistradas nos últimos exercicios.
Rosa Quintana destacou ademais algunhas das melloras realizadas na aplicación ou novas funcionalidades que facilitan o seu uso froito das suxestións dos usuarios. Entre elas, incrementouse de 50 a 100 quilómetros o radio máximo para recibir notificacións de presenza de candorcas e desenvolvéronse melloras para facer compatible a aplicación con varios sistemas operativos de telefonía móbil utilizados tamén noutros países.
En canto á utilidade de Orcinus, a titular de Mar salientou que está a ser empregada por unha grande parte de grupos de investigación que levan a cabo mostraxes sobre candorcas, tanto en Galicia como en Portugal e no Estreito de Xibraltar. Deste xeito, subliñou, apórtase información precisa sobre a presenza dos diferentes grupos de cetáceos, complementaria á aportada polos usuarios particulares. Isto fai de Orcinus unha ferramenta de grande utilidade para colectivos como os náuticos, dos máis afectados pola presenza de candorcas.
Aberta a todos os navegantes
Orcinus está dispoñible para descarga, entre outros sistemas operativos, tanto en versión Android como IOS -os máis utilizados en España- e permite rexistrar en tempo real a presenza de candorcas así como compartir esta información co conxunto da comunidade usuaria da aplicación. Deste xeito informa dos avistamentos instantaneamente, así como dos rexistrados nas semanas previas á consulta, facilitando ao navegante datos para unha mellor planificación da súa travesía.
Para iso, calquera usuario pode darse de alta na aplicación e xeolocalizar avistamentos de candorcas na parte do mundo na que estea a navegar. Eses rexistros son verificados polos responsables do mantemento da APP, que se descarga de xeito automático no idioma no que está configurado o dispositivo do usuario e que emprega os mapas de Google do mesmo xeito para darlle carácter internacional.