publicidade hoxe

13 ofertas para executar o primeiro treito da prolongación da autovía AG-59 entre Santiago e A Estrada, que suporá un investimento de máis de 33 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta recibiu un total de 13 ofertas para executar as obras da prolongación do primeiro treito da autovía AG-59, entre Santiago de Compostela e A Estrada, que suporán un investimento de máis de 33 M€.

Das 13 ofertas presentadas para executar estas obras 10 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 23 empresas.

Mediante este contrato acometeranse as obras para habilitar 3,5 novos quilómetros de prolongación da AG-59, que dá continuidade ao treito da autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo, que se corresponde co treito da autovía, entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo.

O investimento total desta primeira intervención de prolongación do novo treito de conexión por autovía do concello de Teo desde Santiago superará os 33,1 M€, tendo en conta o importe da licitación desta obra, máis de 32,3 M€, e o pagamento dos 291 predios necesarios para materializar a intervención.

Cómpre lembrar que os actos para o levantamento de actas previas á ocupación foron xa convocados a pasado mes de maio, e a formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 21, 22 ,23, 24 e 25 de agosto, no salón de plenos do Concello de Teo. Esta nova convocatoria completa as expropiacións dos terreos necesarios para executar esta actuación, toda vez que a parte principal das expropiacións, que se corresponden co desenvolvemento do tronco da autovía, xa se teñen realizado.

A previsión da Xunta é adxudicar as obras no verán co obxectivo de poder inicialas no outono e, de xeito paralelo, seguir a traballar no proxecto de construción das obras da segunda fase de prolongación da autovía, que serán 4 km máis entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada.

Os traballos obxecto deste contrato céntranse no primeiro treito, que irá desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, e construirase de xeito paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo. O prazo de execución das obras é de 20 meses.

En canto ás características deste novo tramo da autovía considérase unha velocidade de proxecto de 100 km/h, con 4 carrís de 4 x 3,50 metros e mediana de 1 x 2 metros, beiravías exteriores e interiores, e bermas exteriores.

A súa lonxitude acadará algo máis de 3,5 km e contará con dous enlaces: adecuándose o xa existente na Ramallosa coa estrada AC-841, e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, ao final do treito e rematando nunha glorieta de 20 m de radio sobre a propia estrada autonómica.

Tamén se inclúen 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía de 150 m de lonxitude, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores (un en cada enlace). Ademais prevense ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo.

O segundo treito proxectado, cun investimento estimado de 34 M€, unirá o enlace da AC-241, en Pontevea, coa PO-841, chegando ata O Rollo, xa no concello da Estrada, tamén de xeito paralelo á estrada autonómica.

A súa lonxitude superará os 4 km, cun enlace consistente na construción dunha glorieta a nivel sobre a estrada PO-841, situada no final do treito.

Incluirá, ademais, 9 novas estruturas: 2 viadutos -un sobre o río Ulla e outro sobre o río Vea-, 4 pasos inferiores, 1 paso superior e 2 muros.

O proxecto de prolongación da autovía AG-59, entre Santiago de Compostela e o municipio estradense ten como obxectivo aumentar a capacidade do itinerario entre A Ramallosa e A Estrada e mellorar a seguridade viaria cunha autovía de 4 carrís, calzadas separadas e os máis altos estándares de calidade.

O obxectivo desta actuación é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos os tempos de viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia.

A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.

8 de xuño de 2023 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.