Xosé Luna presenta na Bandeira o poemario “O tempo entre as mans”, gañador do Premio Avelina Valladares Núñez de Poesía
O Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, acolle este venres 5 de maio, ás 20.30 h, a presentación do poemario “O tempo entre as mans”, da autoría de Xosé Luna, e que resultou gañador do Premio Avelina Valladares Núñez de Poesía.
En dito acto, o autor estará acompañado polo membro da directiva da A.C. Vista Alegre, Juan Liñares; polo profesor, escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo e a concelleira de Cultura do Concello de Silleda, Mónica González.
Ademais, contarase con recitado poético a cargo de: Dolores Araújo, Rosalía Morlán, Charo Golmar, Carmen Lareo, Xosé Casal, Olga Penas, Regina Puente, Amalia López Brea “Luchi”, Mónica Varela, Mónica Mato, Begoña Porto e María Sangiao; así como a actuación musical de Manoele de Felisa.
A obra
O tempo entre as mans, de Xosé Luna, foi a obra gañadora do XXIV Premio de Poesía Avelina Valladares Núñez, alzándose entre os presentados pola súa coherencia e o emprego dun léxico rico, variado e moi ben escollido no que o autor recupera palabras pouco habituais, seleccionadas polas súa sonoridade e connotacións, e no que se fai referencia a diferentes lugares da contorna estradense e dos territorios máis próximos. Un conxunto de poemas cunha forte carga emotiva e sentimental, dedicados a figuras como a nai, ou pequenos momentos que marcan fitos importantes na vida da voz poética.
O tempo entre as mans está feito para a lembranza gozosa do tempo primeiro e a memoria do lar dos devanceiros, áncoras do imo que van cosidas no sangue e son maré que volve unha e outra vez recomenzándose eternamente. Ler este poemario é obrar o milagre de conseguir que escintile entre os dedos a imposible alquimia da felicidade memoriada, o recordo dun pasado idílico que traspasa o presente e que se proxecta cara ao futuro. Porque no fondal do pozo do Tempo, nas súas simas máis abisais, no alén do alén, un corazón di a súa canción e o universo párase.
Colaboracións
Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Concello da Estrada e da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O autor
Xosé Luna (A Estrada, 1965). Poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta, ex-editor (Ex-director de Edicións Fervenza, 2000 – 2015). Foi fundador da Festa da Poesía, partido de fútbol a prol da lingua e do Premio de Teatro MOME “Varela Buxán”. Colaborador en distintos medios de comunicación. É Licenciado en Xeografía e Historia pola USC. Mestre no CEIP do Foxo.
Autor dos poemarios Memorias do Cairo (Ed. Fervenza, 2003); A Marcial Valladares (Fundación Cultural da Estrada, 2004); Stradapop (Librería Ler, 2005); Sol Rebulideiro (Técnicas and Gramaxe, 2012); O Libro dos bicos (Ed. Embora, 2014); A Estrada da Vida (Ed. Artesón Produccións, 2018), poemas musicados polo cantautor Manoele de Felisa.
Como narrador ten publicado As Cometas da Vida (Ed. Fervenza, 1999); O ano das mimosas (Ed. Fervenza, 2000); O último tango da noite (Ed. Concello de Lalín, 2001); 90 Cousiñas (Técnicas and Gramaxe, 2006); Da literatura e outras cousiñas (Ed. Embora, 2016).
Como ensaísta dá a luz os títulos, A Estrada Románica (Ed. Fouce, 1999); Manuel Daniel Varela Buxán O Patriarca do Teatro Galego (Seminario de Estudos de Deza, 2000); Onde o sol facheaba ao amañecer: Vida e obra da Cantora da Ulla Avelina Valladares (Ed. Fouce, 2003); Marcial Valladares Núñez. Cantigueiro popular (Fundación Cultural da Estrada, 2003); No Pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior (Espiral Maior, 2007); Manuel Daniel Varela Buxán (Ed. Xerais, 2008). A Estrada Románica (Ed. Fervenza, 2020).
Como dramaturgo é autor, entre outras pezas, da tradución e adaptación de Grazas, Padre Ramón de Varela Buxán (Ed. Seminario de Estudos de Deza, 2003); Tulipáns Vermellos (Ed. Fervenza, 2011); As aventuras de Odiseo (Ed. Embora, 2016 ).
Premios
Premio Roberto Blanco Torres no 1999, por As Cometas da Vida. Premio Avelina Valladares no 2003, por Memorias do Cairo. Accésit do Premio Estornela de Teatro no ano 2010 por Tulipáns Vermellos. Mención de Honra do Premio Arume de Poesía, 2013 por O libro dos bicos. Mención de Honra Premio Estornela de Teatro, 2014 por As aventuras de Odiseo. Premio xornalístico “Manuel Reimóndez Portela” no 2013. Premio Avelina Valladares, 2020 por O tempo entre as mans.
Outras distincións:
Medalla de ouro de Fillos e Amigos da Estrada, 2009. O 9 de maio de 2009 inaugurouse a Biblioteca “Xosé Luna” promovida pola Asociación Deportivo e Cultural da parroquia estradense de Guimarei. Medalla da Fundación A Solaina de Piloño, 2011. Homenaxe da Asociación Hijos del ayuntamiento da Estrada da Habana, Cuba, 2015.