publicidade hoxe

Un total de 1.200 alumnos desde 6º de Primaria a 4º de ESO poderán mellorar as súas competencias en inglés na ‘Digitalweek’ o vindeiro outono

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Un total de 1.200 alumnos desde 6º de Primaria a 4º de ESO poderán mellorar a súas competencias en inglés o vindeiro outono participando na iniciativa Digitalweek organizada pola Xunta de Galicia. O Portal Educativo publica a convocatoria deste programa de estadías lingüísticas, que se desenvolverá durante o primeiro trimestre do curso escolar 2023/24 nun centro residencial situado en Galicia en quendas dunha semana (desde o domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá).

O obxectivo é a práctica do idioma e a súa utilización en diferentes contextos para mellorar a comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.

Así mesmo, o alumnado participante contará con actividades formativas non só académicas, senón tamén que fomenten a actividade física, a socialización e o coñecemento cultural e tecnolóxico cunha metodoloxía adecuada á súa etapa educativa. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e coñecemento da contorna.

De balde para as familias

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 25 de xuño e os centros interesados realizarana a través da aplicación de Programa Educativos. Cada centro poderá solicitar participar cun máximo de 25 alumnos do mesmo nivel educativo. O grupo irá acompañado dun docente cun coñecemento da lingua inglesa acorde e responsabilizarase da adecuada participación do seu grupo.

Esta acción enmárcase tanto na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030 (Edulingüe), como na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030 (Edudixital), dado que a aprendizaxe do alumnado realizarase a través de actividades do ámbito dixital.

24 de maio de 2023 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.