publicidade hoxe

Rueda avanza que a Xunta convocará en maio por máis de 43,1 M€ tres programas de axudas para impulsar a rehabilitación enerxética de vivendas e edificios residenciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai convocar este mes de maio, por un orzamento global de máis de 43,1 millóns de euros, tres programas de axudas dirixidos a financiar distintos tipos de actuacións e documentos de carácter técnico “para mellorar a eficiencia enerxética de vivendas e edificios residenciais”.

O Consello analizou hoxe un informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre as convocatorias, por segundo ano consecutivo, destas tres liñas de subvencións, enmarcadas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia e financiadas con fondos europeos.

Neste sentido, o obxectivo da Xunta en 2023 é seguir aproveitando a oportunidade que ofrece o programa Next Generation UE para promover o maior número posible de actuacións de rehabilitación enerxética a nivel residencial no conxunto de Galicia. De feito, tendo en conta o orzamento global dispoñible e o balance das convocatorias do ano anterior, tal e como explicou Rueda, a previsión é que se podería axudar a financiar actuacións para mellorar a eficiencia e reducir os consumos enerxéticos en ao redor de 12.500 vivendas galegas, é dicir, “case o dobre que na convocatoria anterior”, cando se chegou a 6.700.

En concreto, un dos programas de rehabilitación no eido residencial que se convocará este mes é o de actuacións a nivel de edificio. Destinado a apoiar a particulares, comunidades de veciños ou cooperativas propietarias de inmobles construídos antes do ano 2000, convocarase por 36,44 millóns de euros e ten por obxecto subvencionar diferentes actuacións sobre a envolvente de edificios e construcións unifamiliares —como a renovación de fachadas e cubertas— así como a substitución de equipos de calefacción e auga quente por outros que non utilicen enerxía fósil para lograr unha redución dos seus consumos de, como mínimo, un 30%.

A subvención poderá chegar ata os 26.750 euros se se trata dunha vivenda unifamiliar e ata os 23.500 euros se é un edificio. A contía, en todo caso, dependerá do aforro enerxético acadado, do tipo de inmoble e dos ingresos do solicitante, de xeito que ante determinadas situacións de vulnerabilidade cubrirase incluso o 100% do custo das obras.

En canto á liña de incentivos para actuacións de mellora da eficiencia en vivendas, o obxectivo é animar aos propietarios, inquilinos ou usufrutuarios a executar pequenas obras no seu domicilio habitual -por exemplo, como explicou Rueda, “ao cambio de ventás- para lograr reducir a demanda tanto de calefacción como de refrixeración en polo menos un 7% ou un aforro enerxético de, como mínimo, o 30%. Cun orzamento de 3,86 millóns para 2023, a subvención cubrirá o 40% do custo da actuación cun límite de 3.000 euros por vivenda.

Por último, o presidente indicou que tamén se vai convocar o programa de axuda á elaboración do libro do edificio e á redacción de proxectos de rehabilitación, que terá unha dotación de 2,86 millóns de euros e cuxa finalidade será axudar a propietarios de edificios ou vivendas rematados antes do ano 2000 e que queiran facelos máis sostibles a sufragar o custo dos traballos e da documentación técnica que se require para levar a cabo este tipo de obras.

Neste caso, a contía máxima da axuda será de 3.500 euros cando se destine a elaborar o libro do edificio e poderá alcanzar os 30.000 euros se a solicitude se fai para a execución de proxectos técnicos de rehabilitación integral.

Estimación de investimento mobilizado

Este é o segundo ano que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convocará estas tres liñas de axudas financiadas con fondos europeos e destinadas a impulsar a execución de obras e actuacións que contribúan a mellorar a eficiencia enerxética de vivendas e edificios de carácter residencial.

O impacto destes programas, en todo caso, vai máis alá do aforro e da mellora da eficiencia que supón para os inmobles e os seus propietarios. Tamén contribúen a reducir as emisións procedentes do sector residencial a través da aposta por edificios e fogares máis sostibles, ao tempo que teñen un impacto positivo sobre a economía.

De feito, tal e como resaltou Rueda, a previsión é que, grazas a estas tres liñas, “se mobilicen uns 90 millóns de euros entre as achegas da Xunta e os investimentos realizados por particulares”.

Por iso, tendo en conta a importancia e a alta demanda destas axudas, a Xunta abriu en marzo do ano pasado a Oficina de rehabilitación de vivenda en Santiago co obxectivo de asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de subvencións financiados con fondos europeos en materia residencial.

Co mesmo fin, o pasado mes decembro o IGVS puxo á disposición da cidadanía a través da súa páxina web un simulador de axudas (IGVSNextCal) para facilitar o acceso ás diferentes liñas de subvencións en materia de eficiencia enerxética, unha ferramenta que proporciona a propietarios, técnicos e usuarios información sobre as liñas de axudas ás que se poden acoller en función da actuación prevista, as obras que sería necesario acometer para obter os resultados esixidos en cada convocatoria, ademais de permitir calcular o custo estimado das actuacións e o importe da axuda a percibir.

11 de maio de 2023 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.