Rueda anuncia que a Xunta destinará este ano case 33 M€ a impulsar medidas de eficiencia enerxética en colaboración cos concellos galegos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego destinará este ano case 33 millóns de euros a impulsar medidas de eficiencia enerxética en colaboración cos concellos galegos. O titular do Executivo autonómico, acompañado pola conselleira de de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe en Cortegada (Ourense) na sinatura dos acordos con 24 municipios que se van beneficiar deste programa que chegará a case unha trintena de entidades locais.
En concreto, tal e como explicou Rueda, o obxectivo deste programa de axudas é actuar en 54 barrios de 28 concellos galegos para acadar melloras en máis de 4.700 vivendas de cascos históricos ou de zonas onde as construcións teñan certa antigüidade.
A Xunta transfire estas axudas, procedentes de fondos europeos, ás entidades locais, que serán as encargadas de xestionar as actuacións por dúas vías diferentes. A través da convocatoria de axudas para particulares -cada beneficiario poderá recibir ata un máximo de 29.500 € para reducir polo menos un 30% o consumo enerxético da súa vivenda, contía que se incrementará noutros 12.000 € se hai que retirar amianto- e por outra, os propios concellos poderán recibir incentivos para promover obras de urbanización e mellora do entorno físico nestes barrios. “É unha gran oportunidade e non se me ocorre mellora maneira de empregar estas axudas que en colaboración cos concellos”, indicou Rueda.
Este programa de axudas para actuacións a nivel de barrio súmanse as outras tres liñas aprobadas no último Consello da Xunta para financiar parte das obras para mellorar a eficiencia enerxética en edificios, en vivendas -a través de apoio a pequenas obras como o cambio de ventás- ou para a elaboración do libro do edificio ou do proxecto de rehabilitación.
Deste xeito, tal e como resaltou Rueda, o Goberno galego destina este ano máis de 75 millóns de euros a apoiar obras que reduzan a factura da luz e o gas. A previsión é poder chegar a máis de 17.200 inmobles. “É necesario darlle un pulo ás políticas en materia de vivenda -subliñou o presidente da Xunta-. E estas medidas permiten darlle vida a moitos lugares que agora non a teñen ou están languidecendo”.
O presidente da Xunta enmarcou estas axudas no compromiso do Goberno galego de promover vivendas o máis confortables posibles. Nesta liña, tamén resaltou as medidas que está a levar a cabo o Executivo autonómico para facilitar o acceso a unha vivenda coma os avais para a mocidade que merca o seu primeiro inmoble ou o compromiso de aumentar nun 50% o parque público de vivendas para chegar ás 5.600 en 2026.