publicidade hoxe

Román Rodríguez destaca a inclusión e bo clima de convivencia do sistema educativo galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
 Xornada formativa sobre atención á diversidade

Xornada formativa sobre atención á diversidade

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá a Xornada formativa sobre atención á diversidade que reúne no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia a preto de 800 orientadores de centros de ensino.

Na súa intervención, o conselleiro lembrou que os últimos datos do Ministerio de Educación confirman o ensino galego como o máis inclusivo de España, cun 93,6 % do alumnado galego con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios cunha rede de case 4.000 profesionais. Así mesmo, explicou que os datos da última Enquisa de Convivencia Escolar, o 90 % dos colectivos consultados consideran que non existen problemas de convivencia nos centros ou que ocorren de xeito moi puntual.

“A Xunta traballa, a través da Estratexia de Convivencia Escolar 2025, para mellorar aspectos esenciais como a inclusión, a diversidade, a igualdade e tamén o coñecemento dixital e as novas tecnoloxías da comunicación, campos decisivos nos que hoxe se producen os principais episodios de ataque á convivencia”, sinalou o conselleiro. “Con encontros como o de hoxe queremos seguir avanzando na posta en marcha de iniciativas que contribúan a mellorar o voso traballo e que fomenten o benestar emocional e o ambiente seguro e respectuoso no espazo educativo”, indicou.

Román Rodríguez destacou a necesidade de implicar a todos os membros da comunidade educativa nesta tarefa e agradeceu o labor dos orientadores neste eido. “Desde a Xunta garantimos seguir colaborando convosco, ofrecéndovos as ferramentas idóneas para conseguir, entre todos, un ambiente escolar no que poidan desenvolver o seu potencial e aprender de xeito efectivo”, rematou.

Relatorios e intercambio de experiencias

A longo desta xornada de formación os participantes afondan na aplicación no ámbito escolar do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, da man do psiquiatra e coordinador dos programas de prevención e promoción da saúde mental no SERGAS, Alexandre García Caballero; así como na importancia de construír contornos de aprendizaxe seguro, cun relatorio a cargo de Juan de Vicente Abad, orientador e profesor no Instituto público IES Miguel Catalán (Coslada), escollido como o Docente máis Innovador de España no Certamen D+I (2016). Ademais, a psicopedagoga Ana Cobos aborda o papel da orientación nunha escola inclusiva, baseándose na súa experiencia no Instituto Ben Gabirol (Málaga).

Xa pola tarde, o Fiscal delegado autonómico da Unidade Especializada de Menores da Fiscalía Xeral do Estado, José Manuel Ucha López, imparte un relatorio sobre a responsabilidade proactiva na intervención fronte o acoso escolar. O programa conclúe coa mesa redonda Estratexias de actuación entre iguais. Exemplos de boas prácticas que modera, Javier García Barreiro, xefe do departamento de orientación do Instituto de Cotobade, coa participación dos xefes de departamento de orientación de varios centros educativos galegos.

23 de maio de 2023 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.